LINGUA

O Apego recibe un dos Premios da Cultura Galega

29/09/2017 O proxecto Apego vén de ser galardoado cun dos Premios da Cultura Galega, concretamente na modalidade de lingua, polo fomento que fai do galego entre os cativos e cativas.

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e nenas entre 0 e 6 anos neste idioma. O obxectivo é facilitar a incorporación da lingua propia de Galicia na comunicación familiar cos máis pequenos, mediante diferentes actividades, recursos e materiais.

Nesta iniciativa están implicados, ademais de Compostela, os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, O Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e mais da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.

Impulso
Nos últimos dous anos, este programa colleu unha dimensión diferente, cunha programación propia que pasou de ser a trimestral a ter un carácter mensual. A isto súmaselle o esforzo do Concello como dinamizador do Apego e como programador dentro do propio programa co fin de darlle un maior pulo.

Outros premios
Tamén recibiron Premios da Cultura Galega noutras modalidades persoas vencelladas á nosa cidade. Uxía Senlle, que foi pregoeira no Apóstolo deste ano e tocou coa Real Filharmonía nas festas recibiu o premio na modalidade de música. Pola súa banda, Xohana Torres foi galardoada na modalidade das letras. É unha figura senlleira da nosa literatura e quen dará nome á próxima Casa das Mulleres de Compostela. Ademais, o Concello recuperou recentemente o seu premio de ensaio e poesía.

Destaca tamén o premio na modalidade de patrimonio cultural outorgado á Fundación Rosalía de Castro, única entidade de fóra de Compostela que conta cun convenio de colaboración co Concello de Santiago.

Compartir: