XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación de actuacións de mellora do alumeado público por máis dun millón de euros

29/09/2017 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de adxudicación das actuacións de mellora do alumeado público nos accesos á cidade, por un importe de máis dun millón de euros. Trátase do proxecto que vai ser financiado con cargo á axuda do IDAE que recibiu o Concello de Santiago, por case 1,5 millóns de euros.

A Fase II inclúe a colocación de novas luminarias na rúa Clara Campoamor, Hórreo, avenida de Lugo, Gonzalo Torrente Ballester, avenida de Camilo José Cela, Santiago de Cuba, Virxe de Fátima, estrada de Ourense, costa de San Marcos e SC-21. O orzamento de licitación é de 381.482,28 euros. A Fase III conta cun orzamento previsto de 189.585,91 euros, e a Fase IV suporá un investimento de 294.584,01 euros. Este último expediente inclúe actuacións no tramo da praza da Paz á praza de España; no tramo da rotonda do Castiñeiriño á rotonda da Pontepedriña; entre a rotonda do Hórreo e a rotonda de Romero Donallo; e entre a rotonda da praza de España e a avenida de Lugo.

En total, e grazas ao préstamo do IDAE, vanse instalar preto de 2.500 novas luminarias que incorporan fontes de luz de alta eficiencia e rendemento e dispositivos que permiten a súa regulación de forma programada. Estímase que estas actuacións suporán un aforro de 240.000 euros anuais, e evitarán a emisión de case medio millón de toneladas de dióxido de carbono nun prazo de dez anos.

Obras de mellora da EDAR de Silvouta
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe unha addenda ao convenio subscrito polo Concello de Santiago, Augas de Galicia e Acuaes en 2014, para a execución da mellora na EDAR de Silvouta. Trátase dunha addenda na que se modifica o orzamento do investimento, que queda fixado en 3.720.000 euros. Desa cifra, 2.606.386 euros proceden de fondos FEDER, 372.000 euros de Auga de Galicia, e 741.814 euros son achega do Concello.

O alcalde explicou que a achega municipal "supera en case 300.000 euros a prevista inicialmente, e iso é así porque o convenio asinado incluía unha cláusula que obrigaba ao Concello a asumir o posible sobrecusto da obra". Martiño Noriega explicou que "está claro que no seu momento se fixo unha mala negociación, porque o habitual é que os sobrecustos sexan asumidos por todas as administracións implicadas nun proxecto".

Proxecto da intermodal
O alcalde tamén mostrou hoxe a súa satisfacción, tras coñecerse que o arquitecto Juan Herreros será o encargado de deseñar a plataforma peonil da futura estación intermodal. Martiño Noriega entende que esta adxudicación é "unha garantía máis de que Santiago terá unha gran estación intermodal".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: