MOBILIDADE

Persoeiros da televisión, o cine ou o deporte "póñense no lugar" das persoas con mobilidade reducida

27/09/2017 Por segundo ano consecutivo, o Concello de Santiago e Cogami colaboraron na organización dun roteiro en cadeira de rodas pola cidade, baixo o lema "Ponte no meu lugar". O obxectivo da iniciativa, enmarcada na Semana da Mobilidade, é "mostrar que nas nosas rúas temos moitas máis barreiras das que apreciamos a simple vista, e que os problemas de accesibilidade non se solucionan unicamente con rebaixes nas beirarrúas".

O percorrido en cadeira de rodas contou coa participación de numerosos rostros coñecidos, como o actor Xosé Antonio Touriñán, as actrices Isabel Blanco, Mónica García e Ledicia Sola, ou os xornalistas Terio Carrera, Clara de Saa e Ana Pérez. Tamén participaron persoas do mundo do deporte como Pedro Nimo, Esther Pedrosa ou Luis Penido; da Universidade, como Jorge Mira; e da cultura, como Rosa Aneiros. O Goberno municipal estivo representado polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte; e a responsable de Políticas Sociais, Concha Fernández. Tamén participaron os concelleiros Alejandro Sánchez-Brunete (PP), Gonzalo Muíños (PSOE) e Rubén Cela (BNG).

Percorrido "revelador"
Os/as participantes na ruta en cadeira de rodas recoñeceron que a experiencia fora "reveladora", porque permitiu comprobar que na cidade existen aínda moitas barreiras para as persoas con mobilidade reducida. O percorrido partiu da rúa da Carreira do Conde e discorreu cara a Senra, o Hórreo e Montero Ríos. Neste punto, os participantes comprobaron "que na rúa se fixo unha remodelación moi ben pensada en termos de accesibilidade". O concelleiro Jorge Duarte explicou que nesta rúa non existen "os problemas que se detectan noutros puntos, relacionados coa amplitude das beirarrúas ou a localización das paradas de autobús, sinais e mesmo luminarias".

O roteiro finalizou novamente en Carreira do Conde, onde a representante de Cogami, Susi Pérez, animou os/as participantes a seren dende hoxe "máis reivindicativos no que ten que ver coa mellora da accesibilidade".

Outras actividades
Despois do percorrido deste mediodía, pola tarde haberá roteiros en cadeira de rodas abertos a toda a cidadanía. O punto de partida será tamén Carreira do Conde, pero os itinerarios serán máis flexibles para favorecer a participación.

As actividades do Día da Accesibilidade dentro da Semana da Mobilidade completaranse coa proxección da película Intocable, este xoves 28, a partir das 20:00 horas, no Museo da Cidade. Despois de ver o filme, celebrarase un coloquio sobre o reto da accesibilidade universal.

Compartir: