CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais logra cubrir case todas as prazas ofertadas para o Curso de Posgrao de Especialización Orquestral

26/09/2017 O Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

Acaban de realizarse as probas para cubrir catro prazas para a especialidade de violín, unha para a de trompeta e outra para a de óboe; que quedaran vacantes na convocatoria celebrada en xuño. A convocatoria foi un éxito, tanto pola cantidade como pola calidade dos aspirantes, polo que se lograron cubrir todas as prazas ofertadas agás dúas de violín. "O nivel requirido non permitiu cubrir a totalidade das prazas. Cómpre ter en conta que os alumnos tocan nos concertos de abono coa Real Filharmonía de Galicia, o cal obriga a unha especial esixencia", salientan dende a Escola.

O centro ofrece para este curso 2017-2018 un total de 16 prazas. Repártense nas especialidades de violín, viola, violoncello, contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participa nun mínimo de 7 concertos coa orquestra.

Xuntanza do Consello Académico do CAEO
Este mañá celebrouse unha xuntanza do Consello Académico do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da EAEM, integrado por representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Universidade de Santiago e da Escola. Nesta reunión aprobouse a programación académica do CAEO para este curso 2017-2018.

O luns comeza o curso académico na Escola
O curso da Escola comeza o vindeiro luns 2 de outubro. O centro cumpre 18 anos como centro público de ensinanza musical de alto nivel. Ademais do CAEO, impártese o Curso de Especialización Instrumental, dirixido a estudantes de música de grao medio ou superior que buscan perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta ou percusión.

Compartir: