CONSORCIO

Sabela García Fonte, nova directora técnica da Real Filharmonía de Galicia

26/09/2017 O Consorcio de Santiago acaba de publicar a resolución do proceso selectivo para a provisión da praza de director/a técnico/a da Real Filharmonía de Galicia (RFG). Sabela García Fonte foi finalmente a seleccionada entre o total de 11 aspirantes que se presentaron á convocatoria.

No tribunal que avaliou aos candidatos, presidido polo director titular da agrupación, Paul Daniel, estaban representadas outras dúas orquestras e a Asociación Española de Orquestras Sinfónicas. Na anterior convocatoria, que tivo lugar en 2016, o tribunal deixara a praza deserta.

Sabela García Fonte (1979) naceu no concello coruñés de Cabanas. Está licenciada en Historia da Arte (na especialidade de Historia da Música) na Universidade de Santiago e en Música Antiga (na especialidade de Violín Barroco) na Escola Superior de Música e Artes Escénicas de Porto. Completa a súa formación académica realizando un máster en Xestión Cultural na Universitat Oberta de Catalunya.

A súa carreira na xestión musical levouna a traballar na Orquesta Barroca de Sevilla e, recentemente, como coordinadora na Asociación Española de Festivais de Música Clásica-FestClásica; e prestando servizos de produción e distribución aos grupos Accademia del Piacere, Gli Incogniti e ao director de escena Rafael R. Villalobos.

Obtivo o título profesional de Violín Moderno no Conservatorio Superior de Música da Coruña e formouse en Violín Barroco no Real Conservatorio de Música de Madrid. Foi profesora asistente de violín barroco na Escola Superior de Música e Artes Escénicas de Porto e profesora na Joven Orquesta Barroca de Andalucía.

Como violinista, integrou diversas agrupacións, como o ensemble Gli Incogniti, Orquestra Barroca da Casa da Música (Porto), Orquestra Barroca Divino Sospiro (Lisboa), Orquesta Barroca de Sevilla, Ensemble Jacques Moderne (Francia) e Ars Combinatoria (Madrid). Tamén traballou no campo da música de cámara e no da música medieval con grupos de Gran Bretaña, Portugal, España e Galicia, entre eles a Capela Compostelana. Foi membro da Xoven Orquestra da Orquestra Sinfónica de Galicia.

A nova directora técnica da Real Filharmonía de Galicia incorporarase nas próximas semanas, momento no que se fará unha presentación aos medios de comunicación.

Compartir: