ACCIÓN CULTURAL

Peter Greenaway, protagonista da xornada inaugural de Curtocircuíto

26/09/2017 O cineasta británico Peter Greenaway será o protagonista do fin de semana inaugural de Curtocircuíto, e terá a súa primeira cita o vindeiro sábado 30 de setembro no Auditorio Abanca (rúa do Preguntoiro) ás 18:00 horas, cunha proxección na que presentará as súas pezas Intervals (1969), H is for House (1973), Water wrackets (1975) e A walk through H: The reincarnation of an ornithologist (1978). A continuación, o director participará nun coloquio co público asistente.

Nado en Gales en 1942, formado como pintor e coñecido polas súas controvertidas opinións, Greenaway é autor dalgunhas das películas que axudan a definir a cinematografía europea durante a recta final do século pasado, como O contrato do debuxante (The draughtsman's contract, 1982), O ventre do arquitecto (The belly of an architect, 1987), Conspiración de mulleres (Drowning by numbers, 1988) e a tan célebre como polémica O cociñeiro, o ladrón, a súa muller e o seu amante (The cook, the thief, his wife & her lover, 1989).

A seguir, o domingo 1 de outubro, Greenaway manterá un encontro co público no Teatro Principal ás 17:00 horas, antes de dar paso a unha segunda sesión de proxeccións na que se poderán ver as pezas Windows (1975), Dear phone (1976) e Vertical features remake (1978), rematando un percorrido polos seus traballos iniciáticos máis destacados da década dos 70, nos que se pode apreciar como van xurdindo as liñas estilísticas e argumentais que caracterizan a súa filmografía.

Por último, a sala Numax acollerá o venres 6 de outubro, ás 22:00 horas, Four american composers: John Cage (1983), pertencente á serie documental coa que nos primeiros anos 80 retratou a músicos norteamericanos como Philip Glass, Meredith Monk, Robert Ashley e o propio Cage.

Con estas catro sesións, Curtocircuíto quere reivindicar a figura de Greenaway como un dos autores contemporáneos máis relevantes, ao tempo que dá a coñecer algúns dos seus traballos máis difíciles de atopar nos circuítos comerciais, moi influídos pola súa formación en Belas Artes e que marcaron a pauta que seguiría o seu cinema nas décadas posteriores.

Alex Augier
Volvendo á xornada inaugural, despois da proxección con Peter Greenaway, a actividade do festival trasladarase á Sala Capitol a partir das 21:00 horas, cunha performance-concerto do artista francés Alex Augier e a festa posterior, na que se ofrecerá unha degustación do viño oficial do festival, Mara Martín, e se encargará de poñer a música o dúo afincado en Porto Vive Les Cônes.

Na Sala Capitol, Alex Augier presentará _nybble_, un espectáculo visual xerativo no que varias forzas impoñen movementos naturais e xeométricos a un sistema de partículas. Unha actuación en constante interacción co espazo escénico, no que o medio audiovisual se desprega. Despois de _nybble_, o dúo afincado en Porto Vive Les Cônes poñerá o broche á xornada cun live set que promete música, baile e referencias á cultura pop.

De balde
A entrada en todas as actividades do sábado 30 de setembro será de balde, previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal (en horario de 18:00 a 21:00 horas), así como nas sedes dos dous eventos dende unha hora antes do seu inicio

Curtocircuíto arrinca así a súa edición número 14, que se celebrará do 1 ao 8 de outubro, cun programa con máis de 150 películas, obradoiros, encontros e sesións especiais e os concertos de bandas de renome como faUSt, Horse Lords e Jupiter Lion.

Direccións relacionadas



Compartir: