FACENDA

Comeza a fase de votación dos orzamentos participativos cun total de 133 propostas

25/09/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta esta mañá do comezo da última fase dos orzamentos participativos de 2018, cuxo período de votación estará aberto ata o vindeiro 15 de outubro. A veciñanza pode decidir en que se invisten 1,5 millóns de euros de orzamento municipal, dividido en catro zonas da cidade e en actividades para festas do Apóstolo 2018 e mocidade.

Como explicou María Rozas, "o pasado xoves rematou o proceso de avaliación técnica por parte dos distintos departamentos do Concello e o venres abriuse o proceso de votación coas 133 propostas que pasaron o filtro técnico". Cómpre lembrar que as propostas desbotadas, ou ben non eran competencia municipal, ou ben superaban o orzamento dispoñible ou non eran investimentos. "En total, as propostas supoñen case 10 millóns de euros", engadiu.

Propostas
Na área que engloba todo o municipio, á que se destinan un total de 400.000 euros, destacan propostas relacionadas co medio ambiente e co benestar animal, así como propostas vencelladas á mobilidade.

Na zona norte, a poboación aposta por propostas relacionadas coa humanización de rúas, colocación de beirarrúas, parques biosaudables ou illas de compostaxe, "como as que se foron instalando nalgúns barrios da zona norte por parte da concellería de Medio Ambiente", lembrou a concelleira.

No caso do rural norte, as propostas céntranse en parques biosaudables, mellora de espazos de ocio ou centros socioculturais, así como saneamento e abastecemento. No rural sur van máis enfocadas á construción de beirarrúas e á mellora nos equipamentos deportivos.

Finalmente, no caso de mocidade e festas destacan propostas "que xa se fixeron o ano pasado no proceso de orzamentos participativos de mocidade" e tamén propostas de actividades para o vindeiro Apóstolo 2018 relativas á descentralización das festas ou á perspectiva de xénero. Tal como recordou María Rozas, "pódense consultar as 133 propostas en decide.santiagodecompostela.gal.

Como votar
Existen dúas posibilidades de votación, ou ben telematicamente na páxina decide.santiagodecompostela.gal ou ben participando nas asembleas que se desenvolverán en cada área. Haberá tres durante esta semana e dúas a vindeira, de tal xeito que hoxe luns, o mércores e o xoves, a partir das 20:00 horas, celebraranse as de cidade, mocidade e festas. A vindeira semana, tanto o luns como o mércores e xoves, tamén ás 20:00 horas, serán as de zona norte, rural e zona sur, respectivamente.

Haberá unha única asemblea no rural "a petición dos propios veciños e veciñas", aínda que se votarán as propostas de forma separada (rural norte e sur). Poden votar aquelas persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas en Compostela (no caso das propostas municipais e festas do Apóstolo) ou en cada un dos barrios que este ano participan no proceso (no caso da zona norte, zona sur, rural norte e rural sur). Ademais, calquera mozo ou moza de entre 16 e 35 anos pode votar as propostas da área de mocidade, estea ou non empadroado en Compostela (deberá, iso si, acreditar vínculo con Santiago).

Obradoiro de carteis
Tamén este luns, antes da asemblea, ás 18:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, celebrarase un obradoiro de carteis. Os/as asistentes coñecerán as ferramentas para darlle forma ás súas propostas ou a aquelas que queiran espallar para que cheguen a ser as máis votadas.

No obradoiro veranse pezas míticas da historia da catelería mundial e crearanse os carteis para animar á votación con materiais divertidos e reciclados. Ademais, daranse consellos sobre como reproducir e difundir os carteis, tanto telematicamente como en soporte físico.

A concelleira de Economía e Facenda amosouse ademais moi satisfeita pola participación este ano, que medrou un 60% en relación ao ano anterior.

Direccións relacionadas



Compartir: