MOBILIDADE

Roteiros en cadeiras de rodas para reivindicar "unha cidade accesible para toda a cidadanía"

25/09/2017 O próximo mércores, 27 de setembro, celébrase o Día da Accesibilidade dentro da Semana da Mobilidade, e o Concello e Cogami queren aproveitar a data para reivindicar "un modelo de mobilidade que sexa igual para toda a cidadanía, independentemente das súas condicións físicas". Así o explicou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, na rolda de prensa na que presentou as actividades e na que estivo acompañado por Susi Pérez, representante da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (Amico).

A actividade central do Día da Accesibilidade será un percorrido en cadeira de rodas, que se celebrará o mércores, ás 12 do mediodía, baixo o lema "Ponte no meu lugar". A ruta partirá dende Carreira do Conde cara á Senra, seguirá cara o cruce co Hórreo e baixará cara a rúa de Montero Ríos. Dende alí, os participantes volverán cara Carreira do Conde a través de Xeneral Pardiñas.

Susi Pérez explicou que se escolleu un itinerario "no que os participantes van atopar tramos sinxelos e outros nos que poderán comprobar que os problemas de accesibilidade non se solucionan unicamente con rebaixes nas beirarrúas". A presidenta de Amico adiantou que algúns dos puntos máis conflitivos son "os cruces de peóns da rúa da Senra, e tamén o da rúa do Hórreo cara a praza de Galicia". Pola contra, salientou que "na rúa de Montero Ríos poderemos ver que se fixo unha reurbanización ben pensada en termos de accesibilidade".

No percorrido está previsto que participen nomes coñecidos da televisión, como Xosé Antonio Touriñán, Terio Carrera ou Ana Pérez; do cine, como Isabel Blanco; ou do deporte, como Pedro Nimo ou Esther Pedrosa. Xa pola tarde, haberá roteiros abertos a toda a cidadanía, con percorridos máis flexibles para favorecer a participación.

As actividades do Día da Accesibilidade completaranse coa proxección da película Intocable o xoves 28, a partir das 20:00 horas, no Museo da Cidade. Despois de ver o filme, celebrarase un coloquio sobre o reto da accesibilidade universal.

Día da Mobilidade Eléctrica
Dentro da Semana da Mobilidade, mañá martes celebrarase o Día da Mobilidade Eléctrica. O epicentro das actividades será a Alameda de Santiago, onde quedará instalada unha exposición de vehículos eléctricos. A mostra poderase visitar en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade lembrou que "Santiago fai unha clara aposta por este tipo de vehículos, porque son fundamentais para conseguir o reto de reducir nun 50% a emisión de gases de efecto invernadoiro antes de 2030".

Compartir: