ACCIÓN CULTURAL

O espectáculo "_nybble_", de Álex Augier, inaugura na Sala Capitol a décimo cuarta edición do festival Curtocircuíto

21/09/2017 A Sala Capitol acollerá a inauguración da décimo cuarta edición de Curtocircuíto o sábado 30 de setembro ás 21:00 horas, nunha festa con entrada gratuíta protagonizada por Alex Augier e o dúo portugués Vive Les Cônes.

Augier presentará _nybble_, un espectáculo visual xerativo no que varias forzas impoñen movementos naturais e xeométricos a un sistema de partículas. Unha actuación audiovisual única e totalmente sinestésica, en constante interacción co espazo escénico, composto por catro pantallas transparentes e catro puntos de difusión sonora. O artista afincado en París parte dun proceso creativo que integra deseño, programación e tecnoloxía para construír un espectáculo no que o medio audiovisual se desprega no espazo.

Cun traballo centrado na estética dixital híbrida, as súas obras foron presentadas en numerosos festivais internacionais como Ars Electronica (Linz, Austria), Media Ambition Tokyo (Toquio, Xapón) e Nemo (París, Francia), entre outros moitos.

Despois de _nybble_, o dúo afincado en Porto Vive Les Cônes protagonizará un live set que promete música, baile e referencias á cultura pop. En resumo, unha das lendarias actuacións que os teñen feito famosos na noite portuense e que promete non deixar indiferente a ningunha das persoas asistentes.

A festa de inauguración organízase coa colaboración de Mara Martín, un viño branco elaborado con uva godello da denominación de orixe Monterrei, pertencente ás Bodegas Martín Códax.

Curtocircuíto arranca así unha intensa semana de actividades que culminará coa cerimonia de entrega de premios o domingo 8, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Deica entón, máis de 150 películas, obradoiros, encontros e sesións especiais como a estrea en España da primeira película de Stuart A. Staples, Minute bodies: The intimate world of F. Percy Smith. Ademais, a visita de convidadas e convidados célebres como Peter Greenaway, David Toop, Alberto García-Alix, Francisco López, Nicole Brenez ou F. J Ossang, e os concertos de bandas de renome como os alemáns faUSt, os estadounidenses Horse Lords e os españois Jupiter Lion terán un papel central na programación cultural de outono na cidade.

Direccións relacionadas



Compartir: