ACCIÓN CULTURAL

Rafael Villalobos dirixe o primeiro dos concertos do Ciclo de Lied "Cantigas de Outono"

15/09/2017 A escritura subversiva de Guillaume Apollinare serve de liña argumental para o primeiro dos concertos da XVIII edición do Ciclo de Lied. O luns 18 de outubro, a partir das 20:30 horas, o Teatro Principal acolle un recital coas obras que Arthur Honegger e Francis Poulenc compuxeron a partir dos textos do autor surrealista francés.

O laureado director Rafael Villalobos asume a batuta deste concerto no que participan o barítono e clarinetista cordobés Javier Povedano e o pianista canario Jorge Robaina. Rafael R. Villalobos é un dos principais nomes da nova xeración directores de ópera da contorna europea. Gañador da sétima edición do prestixioso Europaische Pernregie-Preis Camerata Nuova/Opera Europa disputado en Viena en 2013, foi o único español nomeado a mellor director novo nos prestixiosos International Opera Awards, que son considerados os premios máis importantes do sector.

Interesado pola música e o teatro dende unha idade temperá, estudou solfexo e canto no Conservatorio Cristóbal de Morales da súa cidade natal, Sevilla. Licenciado da Real Escola Superior de Arte Dramático de Madrid, foi máis tarde distinguido coas máis altas cualificacións no Master en Estudos Musicais da Universidade de Barcelona e da Escola Superior de Música de Catalunya. Ampliou os seus estudos na Central School of Speech and Drama de Londres, así como en clases maxistrais e obradoiros con Vicent Dumestre, Eduardo Arroyo e Mario Gas

Cantigas de Outono
Cantigas de outono é o título da XVIII edición do Ciclo de Lied que se celebra este mes de setembro en Compostela e na que o Concello conta, unha vez máis, coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. O certame inclúe dous concertos máis, os días 25 e 26 de setembro, tamén ás 20:30 horas no Teatro Principal. O luns 25, o segundo dos recitais dedícase ao Cancioneiro Italiano de Hugo Wolf, unha das obras fundamentais no repertorio de Lied alemán de finais do século XIX. O martes 26, o concerto que pecha o ciclo volve a mirada ao Leste de Europa nun recital cos lieders compostos por grandes autores como Chopin, Mussorgski, Rimski-Korsakov, Chaikovsi ou Rachmaninov.

As entradas para cada un dos recitais teñen un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) e o custo do abono do ciclo completo é de 18 euros. Á venda no despacho de billetes do Teatro Principal e en entradas.abanca.com.

Direccións relacionadas



Compartir: