POLÍTICAS SOCIAIS

Primeiro bonotaxi en Santiago para persoas con dificultades de mobilidade

14/09/2017 O Concello de Santiago implantará, por primeira vez, un bonotaxi individual para as persoas con dificultades de mobilidade ou para o uso do transporte público. O prazo para solicitar estas axudas será de 30 días naturais dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A documentación presentarase no Rexistro Xeral do Concello.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e a traballadora social Ana Ares, presentaron estas axudas individuais para a mobilidade, concretamente para uso de taxis adaptados. É a primeira vez que unha iniciativa deste tipo se pon en marcha en Santiago, logo das conversas que mantiveron entre os meses de marzo e abril o Concello e as asociacións Radiotaxi e Cogami. No mes de maio chegouse ao acordo de implantar esta medida.

Concha Fernández explicou que o obxectivo é avanzar na autonomía das persoas con dificultades na súa mobilidade e desenvolvemento diario. Así garántense o principio de igualdade, fomentando a convivencia entre as persoas.

As bases aparecerán no BOP da Coruña, previsiblemente a partir do día 15 de setembro. Ao respecto das mesmas, Ana Ares sinalou que entre os requisitos para os e as solicitantes deste bonotaxi figuran: estar empadroado/a cun ano de antigüidade antes da solicitude; ser maior de tres anos; recoñecemento legal dunha discapacidade que afecte gravemente á mobilidade; non ter vehículo propio adaptado; non ser beneficiario/a do transporte adaptado 065 da Xunta ou doutra axuda polo mesmo concepto, e non dispor de ingresos per cápita superiores ao 250% do IPREM anual (16.135,20 €/ano).

Documentos relacionados



Compartir: