CONSORCIO

O Consorcio restaura o retablo da Virxe da Dolorosa da igrexa de San Miguel dos Agros, cun orzamento de 35.970 euros

13/09/2017 O Consorcio de Santiago vén de restaurar o retablo da Virxe da Dolorosa da igrexa de San Miguel dos Agros, situada na praza homónima. O proceso de recuperación deste ben realizouno a empresa Techné, Conservación e Restauración de Bens Culturais, S. C., cun orzamento global de 35.969,67 euros.

A igrexa de San Miguel dos Agros, ademais da nave principal, aos pés ten unha nave coñecida como "Capela da Dolorosa" ou "Capela dos Axustizados", na que oraban os condenados á forca e onde eran depositados posteriormente os seus cadáveres antes da inhumación. A capela está presidida por un magnífico retablo de estilo neoclásico datado no ano 1782, colocado sobre unha base de pedra, moi afectada por humidade de capilaridade e sales, que foi cuberta en período recente para engadirlle, entre outros elementos, unha mesa de altar. Así mesmo, a parte central do retablo foi modificada mediante a colocación dunha serie de gradas que non coincidían co deseño nin co percorrido orixinais, ademais de estaren afectadas polos xilófagos, igual que o resto da madeira do conxunto.

Recuperación histórico-estética do conxunto e pautas de conservación preventiva
A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, explica que o ataque de xilófagos que sufría o retablo provocaba a perda do material de soporte e superficial. O ben estaba repintado, sufría de perdas de material de acabado por causa das humidades de capilaridade, ademais faltábanlle algunhas pezas (como partes do corpo dalgúns dos anxos), tiña engadidos sen relación estilística coa peza orixinal, elementos metálicos oxidados, repintes, perda de cor, gretas e acumulaba moita sucidade.

Os obxectivos desta intervención centráronse na eliminación das sales da superficie da pedra na parte baixa do conxunto, a estabilización dos materiais que conforman o retablo -pedra e madeira, cos seus acabados correspondentes-, a recuperación histórico-estética do conxunto e establecéronse unhas pautas axeitadas de conservación preventiva deste ben.

Así mesmo, levouse a cabo unha revisión dos elementos que constitúen o contorno da obra, como solos, cubertas, muros, sistema eléctrico… "O contorno representa un dos focos máis importantes de degradación polo que, para frear a deterioración da obra e devolverlle a súa magnificencia, foi necesario erradicar os problemas ocasionados polos elementos que rodean o retablo", sinala a arquitecta Idoia Camiruaga. Nesta liña, estudouse a temperatura e a humidade do inmoble para poder avaliar a incidencia das condicións climáticas.

Compartir: