POLÍTICAS SOCIAIS

Santiago, primeiro concello galego en incorporarse á campaña "Vinde Xa"

13/09/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, deu conta hoxe da adhesión do Concello de Santiago á campaña Vinde Xa. Esta iniciativa quere chamar a atención para que o Goberno español cumpra a súa promesa de acollida de máis de 17.000 refuxiados antes de rematar o prazo deste compromiso, que finaliza en 15 días. Dentro deste acto presentouse tamén a reedición do libro de ilustracións Pasaportes, sobre o drama da migración.

Concha Fernández apuntou que o a web municipal xa inclúe este contador cos días que quedan para que o Goberno cumpra co compromiso de acoller a 17.333 persoas refuxiadas. Da cifra total, só chegaron menos de 2.000 persoas. A concelleira incidiu en que os concellos deben reclamar os dereitos de acollida para as persoas que buscan refuxio fóra dos seus países en conflito. Lembrou que Compostela pode acoller a dez unidades familiares nestes momentos.

Tamén estivo na rolda de prensa Xosé Bahamonde, representante para Galicia de Vinde Xa, quen defendeu que "se o Goberno non cumpre coa promesa de acollida, debe ser a sociedade quen reclame o cumprimento deste compromiso coas persoas que están esperando chegaren a España". Baamonde denunciou a falta de vontade política para abrir as fronteiras a refuxiados e refuxiadas, "cousa que choca cun 80% da sociedade española que di estar a favor da acollida".

Ademais desta adhesión, presentouse a segunda edición do libro Pasaportes, de Fernando Rodríguez e Serxio Suárez, tamén presentes na rolda de prensa. Este último recordou que o libro fora creado hai dez anos, cando o drama da inmigración en caiucos dende o Atlántico era o protagonista das noticias. Agora ese problema trasladouse ás costas do Mediterráneo. Pasaportes é, segundo os seus autores, "un libro de saídas sen chegadas. Relatos de quen non consegue chegar ao destino soñado".

Direcciones relacionadas



Compartir: