EMPREGO

"O Forno dos Soños", novo programa municipal para o fomento do emprendemento

13/09/2017 O Forno dos Soños é un novo programa enmarcado dentro das actividades da iniciativa Compostela Móvese. O programa, que busca por en valor o talento individual e grupal das persoas que participen, comeza o 25 de setembro. As candidaturas poderanse presentar ata o día 21 de setembro, ás 14:00 horas, mediante un formulario incluído na páxina web do Cersia.

O Forno dos Soños quere ser unha ferramenta para axudar na adaptación e a mellora da empregabilidade. O método de traballo son sesións individuais e colectivas dirixidas por un asesor profesional.

Hai 20 prazas dispoñibles. No caso de superarse este número, realizaranse entrevistas individuais o 25 de setembro. A admisión comunicarase por e-mail logo das entrevistas. Na web do Cersia tamén se publicará a lista de persoas admitidas.

Dúas sesións semanais
O programa dará comezo o vindeiro 25 de setembro e rematará o 30 de novembro. Terá dúas sesións de traballo semanais, os martes e os xoves, salvo festivos, de 9:00 a 14:00 horas, e tres titorías individuais. Entre as actividades programadas están as de outdoor training ou de novas formas de deseño ou emprendemento ademais das devanditas sesións individuais.

O Forno dos Soños vai dirixido a persoas en desemprego que queiran mellorar ou reencamiñar a súa carreira profesional, persoas con proxectos en marcha e que non conseguen despegar e persoas que desexen aprender fórmulas de emprendemento para o futuro.

Terán prioridade na admisión as persoas de colectivos con máis dificultade no momento de poñer en marcha proxectos e iniciativas: mulleres, persoas en risco de exclusión social e persoas do rural e barrios.

Direcciones relacionadas



Compartir: