TURISMO

O certame Santiago(é)tapas celebrará a súa X edición do 2 ao 19 de novembro

13/09/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a presidenta en funcións da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, anunciaron as datas da décima edición do xa tradicional concurso de tapas da cidade, Santiago(é)tapas, organizado conxuntamente por ambas entidades. Será do 2 ao 19 de novembro.

Santiago(é)tapas naceu no ano 2008 da man de Turismo de Santiago co obxectivo de converterse nun evento de referencia para a promoción gastronómica da cidade. Naquela primeira edición, a Asociación Hostalería Compostela participou como colaboradora do evento, nunha fórmula que se seguiu nas seguintes tres edicións.

No 2012, cando se celebrou a quinta edición de Santiago(é)tapas, a Asociación Hostalería Compostela encargouse de organizar directamente o concurso, contando con Turismo de Santiago como patrocinador institucional. Este modelo repetiuse durante tres edicións.

No ano 2015 foi a primeira ocasión na que Turismo de Santiago e a Asociación Hostelaría Compostela organizaron conxuntamente o evento gastronómico máis importante da cidade, que neste tempo tense consolidado xa como un referente fundamental para a promoción turística da gastronomía de Compostela.

A edición deste ano de Santiago(é)tapas contará con múltiples novidades para celebrar o seu décimo aniversario. Unha delas é un cambio de imaxe. A nova imaxe do concurso parte da unión das cores corporativas de Turismo de Santiago, laranxa, e da Asociación Hostalería Compostela, vermello, para amosar visualmente a unión entre ambas entidades na organización do evento.

Outra das novidades é que se modificará o Tapasporte. O concurso manterá o seu funcionamento básico, pero contará cun novo formato para ir completando as diferentes rutas do concurso. Este novo formato será máis lixeiro e máis parecido á credencial dos peregrinos, respectando a idea orixinaria do concurso de facer un símil coas etapas do Camiño de Santiago.

Nesta edición do concurso tamén se fará un recordatorio das tapas gañadoras das edicións celebradas ata o momento, moitas das cales se teñen convertido xa en petiscos clásicos da gastronomía de Compostela.

Compartir: