PATRIMONIO

Santiago de Compostela acollerá unhas Xornadas sobre Plans de Xestión do Patrimonio Mundial do 7 ao 9 de novembro

11/09/2017 O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, asistiu este luns en Madrid, na sede da Secretaría de Estado de Cultura, á reunión da Comisión de Patrimonio do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Na reunión, presidida polo alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal -presidente desta Comisión dende o pasado 1 de xullo- estudáronse para a súa posta en marcha todos os programas que a Comisión de Patrimonio levará a cabo ata xuño de 2018 e que se realizarán en colaboración coa Secretaría de Estado de Cultura. Eses proxectos abarcan diferentes campos, co obxectivo de "divulgar, conservar e lograr unha maior función social do Patrimonio Mundial", para o que se editarán folletos e mapas co Patrimonio Natural que gardan as 15 Cidades Patrimonio.

Tamén está prevista a convocatoria do II edición do Certame de Creación Audiovisual para mozos e mozas. Tamén nesta área prevese a participación dos xestores das 15 cidades no XI Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial que anualmente organiza o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e que terá lugar en Palma, do 18 ao 20 de outubro; así como a participación do Grupo no III Encontro Europeo de Patrimonio Mundial, os días 5 e 6 de outubro en Lübeck (Alemaña).

O Grupo poñerá igualmente en marcha as Xornadas de Patrimonio e Accesibilidade para "formar, divulgar e concienciar sobre a necesidade de que patrimonio sexa gozado por todos", que terán lugar en Cuenca na Primavera de 2018; as Xornadas sobre Plans de Xestión do Patrimonio Mundial, destinada aos concelleiros de Patrimonio e responsables de área para "ver o estado do cumprimento da obrigación da Unesco de redactar e poñer en marcha estes plans", que se celebrará en Santiago, os días 7, 8 e 9 de novembro.

As Cidades Patrimonio organizarán o Seminario Universitario A Xestión do Patrimonio Mundial. As Cidades Patrimonio da Humanidade de España no marco científico e académico da Universidade de Salamanca, que terá lugar na citada cidade os días 21 e 22 de novembro. Tamén se celebrarán en maio de 2018 as Xornadas Cidades Seguras. Cidades Patrimonio, para Policía Local e responsables de Policía Nacional e Garda Civil das 15 cidades, co fin de "analizar estratexias e concienciar sobre os valores especiais patrimoniais das cidades do Grupo e a súa singularidade".

Do mesmo xeito, programouse unha Xornada sobre a Paisaxe Urbana dos Centros Históricos nas Cidades Patrimonio ante "a problemática da xentrificación, o exceso de carga de visitantes dos centros históricos, a conciliación do turismo de masas e a conservación do patrimonio, a falta de normas comúns na señalética, etc", previsto en Segovia para marzo de 2018. Por último, celebrarase un importante seminario sobre o financiamento privado na conservación do Patrimonio en abril de 2018 en Tarragona.


A Comisión de Patrimonio do Grupo é a encargada da planificación e xestión dos diferentes proxectos cos que a rede busca preservar a esencia e aceno de identidade das súas 15 cidades, xa que o seu valioso Patrimonio fíxoas merecedoras de figurar na Lista da Unesco. Este labor desenvólvese coa axuda fundamental do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que financia os programas de conservación e protección dos conxuntos históricos nos seguintes campos: seguridade de patrimonio ante catástrofes naturais e incendios, estudos sobre arqueoloxía e urbanismo; novas tecnoloxías aplicadas á xestión do patrimonio cultural; propostas para mellorar mobilidade e tráfico de vehículos nas cidades históricas; accións para que o patrimonio sexa accesible para persoas con algún tipo de discapacidade, logrando un turismo accesible; e temas de medio ambiente para que se mellore a habitabilidade das cidades.

Outros temas tratados foron na xuntanza foron a celebración do 25º aniversario do Grupo e do Ano Europeo do Patrimonio Cultural en 2018.

Compartir: