ACCIÓN CULTURAL

As tradicións francesa, alemá e eslava protagonizan a XVIII edición do Ciclo de Lied

11/09/2017 "Cantigas de outono" é o título da XVIII edición do Ciclo de Lied, que se celebra este mes de setembro en Compostela e na que o Concello conta, unha vez máis, coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago e a Deputación da Coruña. O certame inclúe tres concertos, os días 18, 25 e 26 de setembro, todos eles ás 20:30 horas no Teatro Principal. As entradas para cada un dos recitais teñen un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) e o custo do abono do ciclo completo é de 18 euros. Á venda no despacho de billetes do Teatro Principal e en entradas.abanca.com.

O programa foi presentado esta mañá pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o presidente de Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro, e o secretario desta asociación, José María Miranda.

A edil compostelá destacou a colaboración das entidades organizadoras e a calidade da programación do ciclo ,que "contribúe enormemente á aposta compostelá pola música erudita". Pola súa banda, Goretti Sanmartín coincidiu en salientar a excelente traxectoria deste certame que, dixo, ten acadado un público xa consolidado e unha programación que leva anos sendo referencia para a cidadanía compostelá. A vicepresidenta e responsable da Área Cultural da Deputación da Coruña puxo en valor a perfecta combinación de literatura e música, que amosa a potencia cultural dunha cidade que sempre tivo a cultura como referente e selo de identidade.

Foi o secretario da asociación, José María Miranda, o encargado de detallar o programa da presente edición. Se o ano pasado foran os lieder galego, catalán e vasco os protagonistas do programa, nesta ocasión o ciclo afonda na tradición liederística francesa, alemá e eslava.

A 18ª edición do certame homenaxea a Guillaume Apollinaire no 99º aniversario da súa morte, a través das composicións que a súa figura inspirou a Honegger e Poulanc. Tamén visita o Cancioneiro Italiano de Hugo Wolf, unha das obras fundamentais no repertorio de lied alemán de finais do século XIX, e volve a mirada ao Leste de Europa nun recital coas composicións que autores como Chopin, Mussorgski, Rimski-Korsakov, Chaikovsi ou Rachmaninov realizaron neste xénero. Grandes compositores que congregan arredor da dirección e interpretación das súas obras, a figuras tamén grandes, como o director Rafael Villalobos ou a soprano Anna Lucia Richter.

Direccións relacionadas



Compartir: