POLÍTICAS SOCIAIS

Oito países estarán representados este domingo no II Festival Intercultural

08/09/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou o II Festival Intercultural, que se celebrará este domingo 10 de setembro, a partir da 13:00 horas, na Alameda. Xunto coa concelleira estiveron na rolda de prensa o presidente da Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández e a representante do Colectivo Paraguay, Nidia Aquino.

O II Festival Intercultural está enmarcado no programa Compostela Convive, que busca a interculturalidade entre a veciñanza de Compostela, como sinalou Concha Fernández. Á importancia dese obxectivo tamén se referiu Miguel Fernández.

Son oito os países que estarán representados no evento, tal como lembrou Nidia Aquino: México, Ecuador, Venezuela, Colombia, República Dominicana, Guatemala, Chile e Bolivia. Os actos terán lugar na Alameda de Santiago a partir das 13:00 horas, cunha degustación de platos típicos dos países participantes. Ás 16:00 horas haberá actividades culturais, que inclúen danzas representativas de países como Bolivia ou Chile.

O programa tamén comprende obradoiros de cociña paraguaia e ecuatoriana, que se celebrarán no Centro Sociocultural de Vite entre as 17:00 e as 20:30 horas do sábado.

Compartir: