ALCALDÍA

Martiño Noriega entrega a partitura de "O Carro" a Baldomero Iglesias

08/09/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, entregou a partitura musical do poema de Manuel María "O Carro", a Baldomero Iglesias, "Mero", primeira persoa en poñerlle música a esta composición do poeta chairego. No acto estiveron representantes tanto dos grupos municipais como do mundo da cultura.

Martiño Noriega destacou o feito do recoñecemento da figura de Manuel María dende a capital de Galicia. E isto faise coa entrega do documento ao primeiro en musicar o poema "O Carro", Baldomero Iglesias. Xunto a "Mero", tamén estiveron Xaquín Xesteira, do grupo Treixadura e director do coro Cantigas e Agarimos, e Casiano Mouriño, director da Banda Municipal de Santiago.

Baldomero Iglesias sinalou a sensibilidade do concello ao recoñecer a sensibilidade dunha canción. Agradeceu tanto a Treixadura, Cantigas e Agarimos e á Banda Municipal de Santiago o teren interpretado en xullo deste ano esta peza. Recordou tamén que foi a súa primeira peza musicada no inicio da súa carreira.

O alcalde pechou o acto entregando as partituras a "Mero", a Xaquín Xesteira, polos arranxos realizados, e a Casiano Mouriño, por dirixir á Banda na interpretación da peza durante o Apóstolo.

Baldomero Iglesias, "Mero", ten unha longa traxectoria musical. Desde Fuxan os Ventos, A Quenlla e, logo, formando dúo con Xosé Luis Rivas, "Mini", ata o día de hoxe.

Compartir: