XUNTA DE GOBERNO

O Goberno insta a Viaqua e a Augas de Galicia a acometer obras nos puntos negros das inundacións

08/09/2017 A Xunta de Goberno acordou este venres requirir a Viaqua e a Augas de Galicia que acometan obras de mellora nalgúns dos considerados puntos negros en caso de inundacións. Ao tempo, o Executivo local instará á Urbaser, a empresa concesionaria da recollida do lixo, a implantar novos modelos de actuación no Polígono do Tambre, e recomendaralle á Asociación Empresarial do Tambre que adopte medidas para a xestión controlada das embalaxes.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que o acordo responde "ao acontecido no pasado 28 de agosto, cando unha intensa treboada provocou problemas nalgúns puntos da cidade, fundamentalmente no Polígono do Tambre e na rúa do Olvido". Ademais, apuntou que é "o seguinte paso, despois de que o Goberno local tivera elaborado un censo dos puntos negros da cidade en caso de fortes chuvias, puntos nos que recurrentemente se viñan producindo inundacións nos últimos anos".

Requirimento a Viaqua
No caso da empresa concesionaria de augas, o Concello requiriralle que actúe de xeito prioritario na rúa de Frei Rosendo Salvado, a rúa da Senra, República de El Salvador, praza Roxa e Ramón Cabanillas; na rúa de Entrerríos, na confluencia coa rúa das Galeras; na confluencia da calzada de Santo Antonio coa calzada de San Pedro; na rúa de Santa Clara, na rúa de Berlín e na vía Edison, nas proximidades da intersección coa vía Diesel.

Xan Duro explicou que, aínda que cada punto ten características particulares, na maioría dos casos reclámase a instalación de máis reixas dos sumidoiros e a intervención en tubaxes, "que faciliten que en momentos de chuvia forte teñan máis capacidade para tragar auga".

O Concello entende que é obriga da empresa concesionaria asumir o custo destas obras, que segundo as estimacións iniciais poderían roldar os 300.000 euros.

Solicitude a Augas de Galicia
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou solicitar a Augas de Galicia, organismo encargado da xestión do rego do Cancelón, que no punto baixo do parque de Belvís e traseiras das edificacións da rúa do Olvido se leven a cabo varias actuacións para garantir a seguridade das persoas. En concreto, requíreselle a Augas de Galicia que proceda á limpeza da canle artificial aberta do rego dos aterramentos existentes, que implante en sucesivos tramos augas arriba novas reixas de desbaste, e que implante os sumidoiros que sexan necesarios no tramo soterrado da canle, para evitar o encoramento dos caudais desbordados entre os muros de peche das propiedades lindeiras.

Outros requirimentos
O Concello tamén lle vai requirir a Urbaser que no Polígono Industrial do Tambre proceda a implantar novos protocolos de actuación para evitar que os restos dos embalaxes que se atopen na vía pública poidan obstruír os puntos de captación dos escorrementos superficiais. Ademais, acordouse recomendar á Asociación da Área Empresarial do Tambre que as actividades que se desenvolven no polígono adopten medidas para a xestión controlada dos residuos de embalaxes. Na inundación do pasado 28 de agosto, os técnicos entenderon que a situación se viu agravada por mor dos plásticos e cartóns que taparon a rede de sumidoiros, procedentes dalgunhas naves que os tiñan almacenados no seu exterior.

Por último, o Goberno local acordou avaliar actuacións en materia de renovación ou reforzo da rede de saneamento nos proxectos das obras de reurbanización da avenida de Vilagarcía, Castrón D´Ouro e rúa de Santa Clara (entre a rúa dos Basquiños e a avenida de Castelao).

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: