ACCIÓN CULTURAL

Gran participación nas actividades de "Vive o verán"

07/09/2017 As máis de cen actividades incluídas no programa Vive o verán, tiveron unha alta participación dos composteláns e compostelás e das persoas que visitaron a cidade. Vive o verán ofreceu un amplo abano de posibilidades que ían dende as proxeccións ao aire libre ao teatro para pequenos e adultos, incluíndo tamén rutas e exposicións temáticas, algunhas das cales aínda continúan neste mes de setembro.

Entre as propostas que atraeron máis público destacaron os percorridos por zonas como Brañas do Sar, os Ciruitos Saudables ou o tramo do Camiño a Fisterra. Tamén tiveron boa acollida os diferentes obradoiros, as pezas de teatro e monicreques, así como as actuacións en vivo de artistas na rúa ou as proxeccións de cine ao aire libre. O mesmo sucedeu con Territorio Xogantín, un espazo para que para nenos e nenas puidesen xogar na rúa.

Exposicións e visitas guiadas
Tamén no marco de Vive o verán, ata finais de setembro continuarán abertas varias exposicións, como a dedicada ao lobo no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), no parque de Belvís. E ata o día 30 de setembro continuarán as visitas guiadas polos parques e xardíns da cidade.

Compartir: