POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello conmemora o Día Mundial do Alzheimer coa estrea de "Na butaca", de Esther Carrodeguas

06/09/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá a peza teatral Na butaca, da compañía ButacaZero, que se estreará en Compostela o vindeiro 21 de setembro. Na rolda tamén estiveron a dramaturga e directora, Esther Carrodeguas; a actriz Pepa Barreiro; o director de Galaxia, Francisco Castro, e a presidenta de Agadea, Isabel Gey.

A estrea coincide co Día Mundial do Alzheimer, unha data que, tal e como indicou Concha Fernández, "leva celebrándose dende 1994 co obxectivo de sensibilizar a poboación sobre esta enfermidade". A concelleira destacou o emprazamento onde se vai representar a obra, "nada máis e nada menos que o Teatro Principal", e puxo o foco tamén en que o recadado se destinará á asociación Agadea, que "leva moitos anos traballando con demencias e, sobre todo, co Alzheimer". De feito, o Concello colabora diariamente con esta entidade cedendo varios espazos para o desnvolvemento do seu grupo de estimulación cognitiva e memoria.

Alegato poético
A obra aborda de maneira poética e optimista o tema do esquecemento e é tamén, segundo Esther Carrodeguas, "un alegato a favor da vida vivida no presente". Este proxecto engloba tres ámbitos de actuación, que inclúen unha xira benéfica, unha campaña de sensibilización e varios obradoiros.

Para a actriz protagonista, Pepa Barreiro, "é a primeira vez que me subo a un escenario para facer un monólogo destas características, así que estou moi emocionada". Pola súa banda, Isabel Gey quixo destacar a implicación "tanto do Concello como da compañía teatral na organización deste evento".

Finalmente, o director de Galaxia, Francisco Castro, avanzou que o mesmo 21 de setembro, a editorial lanzará a todas as librerías un libro baseado na propia obra de teatro. Para Castro trátase dunha "aposta especial por tres motivos: polo que significa o teatro en Galicia, por poder lanzar unha obra de Esther Carrodeguas e, finalmente, por colaborar cunha causa social de tanta importancia".

A obra poderase ver no Teatro Principal o vindeiro 21 de setembro ás 20.30 horas e as entradas teñen un prezo de 10 euros, que serán doados a Agadea. Poden adquirirse de martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas, na billeteira do Teatro Principal, e nos centros terapéuticos da entidade en Salgueiriños e no Ensanche de 18:00 a 20:00 horas.

Compartir: