IGUALDADE

Os nenos e nenas participantes no Verán CampUSC 2017 visitan Raxoi

06/09/2017 Os nenos e nenas que participaron este ano no Verán CampUSC visitaron este mércores o Pazo de Raxoi, onde foron recibidos pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e outros membros da Corporación municipal. Este programa de conciliación está artellado pola USC e conta por segundo ano, coa colaboración do Concello de Santiago.

O Verán CampUSC é un programa de conciliación nos eidos familiar e laboral que busca que os pais e nais podan desenvolver as súas tarefas no traballo e no fogar en época estival, cando os fillos e as fillas teñen vacacións escolares.

O Concello de Santiago colabora cunha achega económica para que os rapaces e rapazas poidan gozar deste campamento. Por outra parte, tamén se pretende visibilizar as mulleres na ciencia eliminando estereotipos de xénero. Por último, búscase o apoio a estudos universitarios en igualdade de xénero.

Durante o acto, a vicerreitora da USC, Dolores Álvarez, explicou brevemente as actividades desenvolvidas no CampUSC e agradeceu ao Concello o apoio ao mesmo. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Marta Lois, destacou a necesidade de apoiar a conciliación familiar con programas coma este, que permiten estudar as necesidades das familias compostelás.

Os rapaces e rapazas recibiron como agasallo cadanseu exemplar do cómic Aventura no Camiño de Santiago.

Compartir: