ALCALDÍA

O Concello e a Fundación ONCE colaborarán en accións para a integración social e laboral das persoas con discapacidade

01/09/2017 O Concello de Santiago e Inserta, entidade sen ánimo de lucro promovida pola Fundación ONCE, van colaborar na posta en marcha de accións para a integración social e laboral das persoas con discapacidade. Así se establece no convenio asinado hoxe polo alcalde, Martiño Noriega, e o vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Antonio Durán. No acto tamén estivo presente a directora da entidade en Galicia, Menchu Iglesias.

O convenio establece que o Concello e Inserta colaborarán en programas de captación, orientación e inserción laboral de persoas con discapacidade de Santiago, así como en accións de sensibilización para dar a coñecer as capacidades laborais potenciais deste colectivo. Tamén se impulsarán iniciativas para a formación das persoas con discapacidade, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade, e reforzarase a colaboración co tecido asociativo do ámbito da discapacidade para fomentar a prestación de servizos.

Autonomía e autoestima
O vicepresidente executivo da Fundación ONCE mostrou a súa satisfacción pola sinatura des convenio, que permite "aproveitar sinerxias entre a administración que coñece mellor as necesidades da cidadanía, e unha entidade que é experta no campo do emprego das persoas con discapacidade". Antonio Durán incidiu na importancia que ten para este colectivo o acceso ao mercado laboral, "porque supón ter autonomía, ter autoestima, e ser recoñecido polo resto da sociedade".

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, lembrou que "o Concello vén mantendo unha decidida aposta pola formación e polas accións para a integración laboral das persoas con discapacidade". A edil salientou que o convenio asinado hoxe, cunha duración anual, "tamén nos permitirá poñer en marcha iniciativas de sensibilización, dirixidas ao colectivo de persoas con discapacidade, pero sobre todo ao conxunto da sociedade, que debe ser consciente de que este colectivo pode e debe acceder ao mercado laboral".

Segundo datos da Fundación ONCE, o 10% da poboación española ten algún tipo de discapacidade. Desta porcentaxe, só unha de cada catro persoas traballan. Na base de demandantes de emprego da Fundación ONCE están inscritas máis de 200.000 persoas.

Compartir: