MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa en setembro un obradoiro de lectura de etiquetas e un roteiro polas Brañas do Sar

18/08/2017 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) realizará no mes de setembro un obradoiro para a lectura de etiquetados e un roteiro interpretativo polas Brañas do Sar.

O CIAC celebrará o 2 de setembro, ás 12:00 horas, un obradoiro para a interpretación do etiquetado nos produtos de consumo. O obxectivo desta actividade é conseguir que as persoas poidan entender as etiquetas. Isto permitirá coñecer o significado de selos, certificados e aditivos.

Tamén se achegará información sobre circuítos de comercialización curta en Galicia. Ademais, falarase das experiencias que os sustentan e do seu baixo impacto ambiental e o seu valor social e ecolóxico.

É de balde, pero é preciso inscribirse, a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

Roteiro
Neste mes de setembro tamén hai unha nova oportunidade para coñecer o privilexiado entorno natural de Santiago. Será a través dun roteiro polas Brañas do Sar, que destacan polo seu valor ecolóxico. Os/as participantes seguirán o percorrido da auga dende as Brañas ata o río Sar. Así poderán coñecer os valores naturais do río, os seus usos tradicionais e outras curosidades das Brañas.

A actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 10 anos). É necesario inscribirse previamente no teléfono ou enderezo electrónico indicados para a actividade anterior.

CIAC
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvis, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

O CIAC está aberto para público xeral os mércores, xoves e venres de 11:00 a 14:00 horas. Os sábados abre de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00 horas. Pola semana realízanse visitas guiadas a grupos de máis de 10 persoas, previa reserva (chamando ao 981 543 145).

Compartir: