REPULSA

A praza do Obradoiro queda en silencio contra a barbarie terrorista

18/08/2017 Ducias de persoas sumáronse aos cinco minutos de silencio convocados polo Concello de Santiago na praza do Obradoiro en repulsa polos atentados terroristas das últimas horas en Cataluña, primeiro en Barcelona e despois na localidade tarraconense de Cambrils. O alcalde, Martiño Noriega, encabezou a concentración, na que tamén participaron concelleiros e concelleiras dos catro grupos políticos municipais.

Tras a concentración, o alcalde incidiu en que Santiago, como todas as cidades, "ten que mostrar hoxe a súa solidariedade con Cataluña e o rexeitamento sen matices ao acontecido nas últimas horas e aos que actúan como embaixadores do medo". Martiño Noriega salientou que "a batalla democrática é vivir con liberdade, e aos responsables públicos tócanos mandar mensaxes de tranquilidade".

Mensaxe de tranquilidade
Nesa liña, o alcalde defendeu o traballo que están a facer os corpos e forzas de seguridade e explicou que hoxe mesmo tivo unha conversa co subdelegado do Goberno en Galicia para analizar a situación en Santiago, onde se mantén o nivel de alerta 4. Ademais, Martiño Noriega mantivo unha reunión de traballo cos responsables da Policía Local e da comisaría compostelá da Policía Nacional, na que tamén participou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro. O rexedor explicou que "máis alá de que poida haber reforzos puntuais en puntos sensibles, mantéñense os dispositivos que se levan poñendo en marcha nos últimos veráns".

Documentos relacionados



Compartir: