EMPREGO

Segue o acondicionamento do contorno do río Sar grazas a un novo obradoiro de emprego xuvenil

17/08/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo presentou hoxe o Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil III, que permitirá acondicionar un novo tramo das ribeiras do río Sar, desta vez no barrio de Conxo. Marta Lois mostrou a súa satisfacción por "seguir poñendo en marcha iniciativas que, dunha banda, permiten ofrecer unha oportunidade formativa e laboral aos mozos e mozas, ao tempo que contribúen á mellora do noso patrimonio natural e histórico".

O Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil III permitirá ocupar a 14 desempregados e desempregadas menores de 30 anos, que se formarán en dúas especialidades: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (8 alumnos e alumnas) e colocación de pedra natural (7 alumnos e alumnas). A actividade está cofinanciada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cunha subvención de 140.188,65 euros, mentres que a achega do Concello é de 50.000 euros.

Desta vez, vaise actuar no tramo comprendido entre Ponte Suarribas e Ponte da Fervenza, no contorno do Hospital Provincial de Conxo. O alumnado do Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil III completará a súa formación teórica co traballo práctico, que consistirá no acondicionamento e recuperación dos camiños tradicionais, a limpeza das ribeiras do río Sar e restauración da vexetación, e mesmo pequenas actuacións para a mellora da calidade das augas. Tamén se acondicionarán espazos de uso público e poranse en valor algúns elementos patrimoniais.

Terceira edición do Ecotur Xuvenil
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo explicou que o Obradoiro de Emprego comezará o 1 de setembro, e prolongarase por seis meses. Marta Lois sinalou que é a terceira edición do Ecotur Xuvenil, despois das dúas primeiras "que permitiron acondicionar as Brañas de Sar entre as piscinas e a Pontepedriña, e o tramo entre Novo Milenio e a carballeira do Parque Eugenio Granell". Na primeira edición participaron 32 mozos e mozas, e na segunda foron 15 alumnos e alumnas. As dúas edicións anteriores foron tamén cofinanciadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello de Santiago.

Marta Lois salientou que estes obradoiros de emprego están a ter "un retorno moi positivo, porque atenden a sectores do mercado laboral con moito potencial en Compostela, e porque están permitindo recuperar espazos públicos cada día máis utilizados pola veciñanza".

Compartir: