ACCIÓN CULTURAL

Resolta a convocatoria 2017 de proxectos de creación en artes visuais para a Zona "C"

14/08/2017 O Auditorio de Galicia vén de publicar no portal de Transparencia da Actividade Pública a resolución da Convocatoria 2017 de propostas de artes visuais da Zona "C". O comité de selección, no que participaron Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Mónica Maneiro, directora de Dardomagazine; a artista Neves Seara e Chus Busto, responsable de exposicións e actividade cultural do Auditorio, escolleu seis proxectos de entre os 40 presentados nesta edición.

Cada unha das intervencións terá un orzamento total de cinco mil euros (5.000 €), impostos engadidos. Así, nos vindeiros meses, a Zona "C" servirá de marco ás propostas de intervención artísticas de Amine Asselman, Olalla Castro e Nicoleta Moise, Marcos Covelo, Alejandra Pombo, Aaron Sanromán e ao proxecto de comisariado de Rosendo Cid sobre a obra da artista Rosa Neutro.

Entre os criterios para a selección de propostas, o comité valorou a calidade dos proxectos e a súa contribución ao tecido cultural da cidade; a conexión coas correntes actuais de creación contemporánea e o equilibrio entre diferentes enfoques e disciplinas; a viabilidade das solicitudes segundo a adaptabilidade ao espazo de intervención e o axuste ao orzamento establecido, amais da traxectoria das persoas solicitantes.

Inaugurada en marzo de 2007 como espazo para a visibilización de artistas emerxentes, a Zona "C" consolídase como aposta da Concellaría de Acción Cultural para promover a creación de vangarda e como resposta á necesidade dun espazo en Compostela para proxectos específicos e efémeros, longamente demandada polo colectivo de creadoras/es. A súa programación responde ao obxectivo da Concellaría de fornecer a cidade de espazos e vías de profesionalización creativa , fomentar o debate, a reflexión e a crítica na contorna artística, e favorecer o traballo conxunto entre artistas e Concello no desenvolvemento e posta en valor de proxectos artísticos emerxentes.

Os proxectos seleccionados

Global complexity. Amine Ansselman (Tolousse, 1989) é un artista multidisciplinar francés de orixe marroquí. As súas obras abordan a actualidade política e cultural nunha achega estética e reivindicativa na que acostuma tratar cuestións de carácter identitario. No proxecto Global complexity, explora a globalización como problemática contraditoria que, no canto de suprimir fronteiras e valados, contribúe ao seu incremento.

Al revés (in reverse). O proxecto proposto polo dúo de artistas Olalla Castro (Lugo, 1989) e Nicoleta Moise (Bucarest, 1989) traballa co imaxinario colectivo nun itinerario gráfico, audiovisual e performativo sobre as supersticións, rituais e tradicións de Galicia e, máis concretamente, da cidade de Compostela.

El rapto de Europa. A proposta do creador galego Marcos Covelo (Vigo, 1985), licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e Mestrado en Arte Contemporánea, Creación e Investigación pola Universidade de Vigo, formula unha revisión crítica sobre a creación da Unión Europea e sobre a representación visual da institución.

Perencuentro. A creadora Alejandra Pombo (Santiago de Compostela, 1979) acostuma situar as súas accións entre a performance, a poesía e a experimentación con imaxe en movemento. Neste proxecto, explora o encontro e a presenza a través da performatividade e achéganos un evento estético no que fai confluír o traballo de tres artistas: María Jerez, Mårten Spångberg e Josu Bilbao.

Híbrido. O tamén galego Aaron Sanromán (Vigo, 1985) implícase nas iniciativas a prol da defensa do medio ambiente neste proxecto no que mestura as paisaxes dixital e natural nun vídeo-mapping vertical en contornas reais. Híbrido reivindica a memoria xeográfica a través da cooperatividade no seu sentido máis amplo.

Cuarto propio. A proposta seleccionada na modalidade de comisariado confronta o ollar do artista/comisario Rosendo Cid (Ourense, 1974) coa obra da artista visual Rosa Neutro. Cuarto propio revisa cuestións vencelladas á identidade da muller-artista e as súas particularidades. Exploración do íntimo, o amor, o erotismo, as referencias literarias e artísticas na sólida obra da artista viguesa.

Compartir: