ACCIÓN CULTURAL

O Feito a Man acolle o 30 de agosto un concerto-tributo a Narf con máis de 30 artistas

11/08/2017 O vindeiro 30 de agosto, a cidade de Fran Pérez, Narf, Santiago de Compostela, renderalle merecida homenaxe ao músico falecido o pasado novembro cun espectáculo que quere celebrar o seu legado, tanto musical como teatral. Será un evento no que participarán máis de 30 artistas de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e, por suposto, Galicia. As entradas xa se poden mercar as entradas en ataquilla.com.

O segundo tenente de alcalde, Jorge Duarte, participou na presentación do espectáculo, celebrada este venres na praza das Praterías. O acto tamén contou coa presenza de Ánxeles Porto, por parte da organización de Feito a Man; dos directores artísticos Quico Cadaval e Pepe Sendón; e da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. Ademais, houbo unha pequena actuación de Pepe Sendón e Marcos Teira (director musical), que interpretaron dous temas de Narf.

Fran Pérez tivo unha presenza permanente no Festival Feito a Man dende os seus inicios, e é por iso que a Asociación Cidade Vella organiza este concerto-tributo ao artista na praza da Quintana o 30 de agosto.

Esta festa pretende, por unha banda, ofrecer unha panorámica significativa da súa música e, por outra, reunir na súa memoria non só os compañeiros e colectivos que compartiron camiño con el en Santiago, senón tamén amigos e artistas fundamentais no seu traballo chegados de Mozambique, Portugal, Euskadi e Inglaterra.

Coas cancións de Narf como punto de encontro para os seus amigos, compañeiros e colaboradores ao longo da súa vida, celebraremos especialmente, na que foi a súa cidade, unha noite de festa, agradecemento e lembranza de quen sempre estará connosco.

O concerto, que está dirixido musicalmente por Marcos Teira, terá unha banda base e logo os convidados e convidadas irán interpretando temas do músico compostelán. Entre os artistas participantes poderemos ver a Timbila Muzimba, a banda mozambicana coa que compartiu o seu último proxecto; Carlos Santiago e Pepe Sendón, compañeiros na Psicofónica de Conxo e en Nicho Varullo; Uxía, con quen publicou o disco As baladas da Galiza imaxinaria; o vasco Jabier Muguruza, parceiro no proxecto Mundo café; e moitos outros como Xabier Olite, Guadi Galego, Espiño, Jim Sanders, e outros.

Tamén haberá presenza destacada do mundo do teatro galego, con Manolo Cortés, de Chévere, compañía da que formou parte nos seus primeiros tempos; As Marías (María Bouzas e María Pujalte); Mofa e Befa; e Quico Cadaval.

Direccións relacionadas



Compartir: