FACENDA E OBRAS

Os remanentes permitirán executar obras por valor de 3,3 millóns de euros

10/08/2017 A alcaldesa en funcións e concelleira de Economía, Facenda e Administración, María Rozas, e o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, explicaron hoxe polo miúdo as obras que o Concello vai acometer durante o que queda de 2017 e os primeiros meses de 2018 cos remanentes do exercicio anterior.

María Rozas lembrou que este ano se destinará un total de 3,3 millóns de euros a obras en todo o termo municipal que, a diferenza do ano pasado, "podemos executar tanto no 2017 como no 2018 e non necesariamente antes de finais de ano por mor da tardanza do Estado en aprobar os orzamentos".

O concelleiro de Medio Rural e Obras fixo unha relación daquelas obras que se realizarán "tanto no outono deste ano como cara ao verán do que vén". Así, realizaranse obras no campo da festa do Castiñeiriño (90.000 euros) para a instalación dunha pista deportiva que poida ser usada pola veciñanza durante todo o ano. Tamén se substituirán vidros na marquesiña de Xoán XXIII (60.000 euros) e reformarase o aparcadoiro da rúa do Olvido para a eliminación de humidades e para que esta zona de aparcamento quede habilitada e preparada "antes de que comecen as obras de reurbanización de Castrón Douro".

Mellora da accesibilidade
Case medio millón de euros (471.000) están dedicados a mellorar a accesibilidade en varios puntos do termo municipal de Santiago. Trátase de actuacións moi importantes e demandadas pola veciñanza, como é o caso das rúas da Estrada, Santas Mariñas e Picaños, recentemente urbanizadas e que agora verán mellorada a accesibilidade. Tal e como indicou Rafael Peña, "estas rúas teñen un problema de accesibilidade que non poderemos solucionar de forma definitiva, pero estas obras si nos permitirán darlle saída de forma puntual".

Tamén se acometerán melloras en Vista Alegre para a reposición das afeccións derivadas da eliminación de terrazas que se produciu durante as obras de reurbanización do barrio. Na rúa García Lorca e Diego Peláez tamén haberá sendas actuacións de mellora da accesibilidade, así como no Campus Sur. Neste último caso responde a un convenio asinado coa USC para a actuacións nesa zona.

Reurbanizacións
Dentro das obras que se van realizar con cargo a remanentes inclúense dúas de entidade como a reparación da calzada no Espírito Santo ou a reurbanización da rúa Cancelas, cun orzamento de 100.000 e 235.000 euros, respectivamente. No caso do Espírito Santo, prevese realizar unha substitución do pavimento, "moi deteriorado por estar feito de chapacuña, un material pouco axeitado para o tráfico e o desgaste que sofre a rúa", explicou Rafael Peña. No caso da rúa das Cancelas, prevese mellorar a seguridade e accesibilidade construíndo unha senda peonil que conecte esta rúa coa avenida de Rodríguez de Viguri e a rúa de Salgueiriños de Arriba.

Débedas co rural
Finalmente, o concelleiro deu conta de catro actuacións que se van a levar a cabo no rural de Compostela. "Dúas delas pretenden dar resposta a demandas históricas da veciñanza das parroquias de Barciela e Cesar, as máis afastadas dentro do termo municipal", avanzou. As actuacións están orzamentadas en 290.000 euros e buscan a mellora dos accesos dende o cruce da N-550 na Barciela e ata Casas de Arriba en Cesar.

Tamén se realizarán obras de acondicionamento e mellora nos centros socioculturais de Bornais, A Peregrina e Grixoa, cun orzamento de 85.000 euros.

Compartir: