MANTEMENTO E OBRAS

O Concello reurbanizará Rapa da Folla e mellorará a seguridade na rúa da Cañoteira (Meixonfrío)

09/08/2017 O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, deu conta hoxe dos proxectos de reurbanización da rúa de Rapa da Folla, da ampliación do vieiro da Cañoteira-Marrozos e da segunda fase da mellora da seguridade na rúa da Cañoteira (Meixonfrío).

Rafael Peña explicou que o proxecto de Rapa da Folla, que ten un custo de 37.063 euros máis IVE, farase con cargo a fondos da Deputación, concretamente ao POS de 2014. "Actuaremos nesta rúa para rematar unha zona onde se obrou recentemente, como é o caso da Carreira do Conde e de Montero Ríos", avanzou.

Trátase dunha obra moi necesaria para poder emendar os danos ocasionados no pavimento ao longo dos anos, nos que "apenas houbo gasto en mantemento ou conservación, o que provoca que a rúa estea nun mal estado", indicou o concelleiro. Os traballos terán unha duración de cinco semanas dende que se adxudiquen e consistirán na substitución das beirarrúas por outras de maior amplitude; execución dunha nova beirarrúa na marxe dereita que sexa do mesmo material que as colocadas en Montero Ríos; colocación dunha zona axardinada na marxe esquerda entre as rúas Xoán Carlos I e Carreira do Conde; reforzo das tapas de arquetas, renovación de luminarias e retirada do pavimento para colocar aglomerado.

Obras na Cañoteira
O edil de Medio Rural tamén deu conta das obras que a empresa Francisco Gómez y Cía executarán na parroquia de Marrozos para ampliar o vieiro da Cañoteira. Segundo explicou, "trátase dunha primeira fase, que ten un orzamento de 380.000 euros e que permitirá darlle solución a un problema de accesibilidade na parroquia", onde a día de hoxe hai serias dificultades para o acceso de ambulancias, transporte público ou vehículos de carga e descarga.

Ademais, Rafael Peña referiuse ao inicio do expediente de licitación para a mellora da seguridade na rúa da Cañoteira, en Meixonfrío, unha intervención que consistirá na construción de sendas peonís na zona. O proxecto ten un custo de 235.000 euros, que serán financiados con cargo a fondos provinciais. O prazo de execución, unha vez adxudicada a obra, será de 4 semanas e permitirá dar cumprimento a unha demanda veciñal de hai moitos anos.

Orzamentos Participativos
Rafael Peña deu conta tamén do inicio do expediente para a adquisición dun tractor con dúas desbrozadoras. Esta resultou ser a proposta máis apoiada pola poboación do rural de Compostela no proceso de orzamentos participativos do ano pasado. Ten un custo de 120.000 euros.

Compartir: