FACENDA

O Goberno local demanda a supresión das limitacións que impiden contratar máis persoal nos concellos

09/08/2017 A concelleira de Economía, Facenda e Administración, María Rozas, fixo hoxe balance da política de persoal e contratación do Goberno local dende o comezo do mandato.

María Rozas lembrou que, "nos últimos catro anos do anterior mandato, se produciu un ERE encuberto no Concello de Santiago que fixo que perdéramos case 100 postos de traballo". Así, estimou que o cadro de persoal do Concello se viu minguado en aproximadamente un 20%. "Deberiamos ter 167 policías locais e temos 137, temos un 29% menos de persoal administrativo e 7 xubilacións en vías e obras que non se cubriron", explicou a concelleira.

A responsable de Persoal indicou que un dos motivos polos que se foi "desmantelando a Administración local" foi pola aprobación da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, máis coñecida como "Lei Montoro", que "afogou aínda máis os Concellos e colocoulles un corsé que limita a súa autonomía financeira".

A pesar da existencia desta lei e "co obxectivo de ir paliando a situación que nos atopamos", o Concello acometeu máis de 60 contratacións durante os últimos dous anos. Os departamentos que viron incrementados os seus traballadores e traballadoras foron o de Políticas Sociais, con nove persoas contratadas; o de Obras, con seis persoas máis, ou os servizos económicos. "Trátase de departamentos clave, sobre todo o de Políticas Sociais, xa que viu incrementado o seu orzamento nun 25% e debe xestionar programas como a ordenanza Compostela Máis ou o Servizo de Axuda no Fogar".

Lei de Orzamentos do Estado
A concelleira de Facenda e Persoal aproveitou ademais para reivindicar, agora que se está a traballar na Lei de Orzamentos do Estado para o 2018, a eliminación das limitacións existentes para a contratación de máis persoal nos concellos. Entende María Rozas que aqueles concellos que acaban o exercicio con estabilidade financeira "deberían poder contratar persoal, porque é moi complexo explicarlle a un veciño ou veciña que, a pesar de ter capacidade económica, non se pode contratar un equipo de vías e obras ou unha traballadora social porque o Estado non o permite".

Finalmente, a concelleira avanzou que se está a traballar xa na oferta de emprego para o vindeiro ano, que será aprobada cos orzamentos municipais de 2018.

Compartir: