FESTAS

A banda neoiorquina Nada Surf actuará o venres en Compostela en substitución de Macy Gray

26/07/2017 O Concello de Santiago lamenta comunicar a cancelación do concerto da cantante americana Macy Gray, programado para o venres 28 de xullo ás 22:30 horas dentro da programación das festas do Apóstolo.

A estrela de R&B e soul vén de cancelar a súa xira europea por motivos persoais. Por iso, o Concello programou no seu lugar as actuacións da banda neoiorquina Nada Surf e da compostelá Ivy Moon, que cubrirán o oco deixado pola cantante.

Nada Surf
Nada Surf é un grupo de rock alternativo formado en Nova York en 1992. Actualmente está integrado por Matthew Caws (guitarra e voz), Daniel Lorca (baixo e voz), Doug Guillard (guitarra) e Ira Elliot (batería e voz). A banda obtivo o recoñecemento mundial en 1996 grazas ao single "Popular", pertencente ao álbum High/Low. Ademais de repasar os seus grandes éxitos, presentarán en Compostela o seu último disco, Peaceful ghosts, lanzado en 2016, uns meses despois do anterior álbum, You know who you are.

O seu oitavo álbum pódese considerar a colección máis representativa das súas décadas de carreira do grupo. Producido por Tom Beaujour en Nuthouse Recording, supón o primeiro da banda oficialmente como un cuarteto, con Doug Guillard como segundo guitarra. Nada Surf é ademais o cabeza de cartel do Low Festival de Benidorm.

Ivy Moon
Ivy Moon naceu en Compostela en 2014 co rock alternativo e a psicodelia como base da súa música. Nese mesmo ano xa debutaron nun festival de renome como o Brincadeira Festival, celebrado en Compostela. Alí presentaron o seu primeiro EP, que foi o seu traballo de presentación. Grazas ao pulo do festival comezaron unha xira por numerosas vilas galegas. En 2015 lograron ser finalistas do EISV Music de Vigo e estiveron entre os finalistas do concurso BDcode, organizado polo DCode Festival de Madrid. Tamén representaron a España no Festival Imagine de Zabreg.

Direccións relacionadas



Compartir: