MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa en agosto un obradoiro de elaboración dun forno solar e un roteiro

26/07/2017 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) tamén ten actividade durante o mes de agosto, para o que programou un obradoiro de elaboración dun forno solar e un roteiro interpretativo polo parque de Belvís.

O sábado 5 de agosto, ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro titulado "Elaboración dun forno solar". Hai moitas formas de cociñar, moitas receitas e opcións culinarias. Neste obradoiro aprenderemos unha máis: os/as participantes elaborarán un forno solar e coñecerán como funciona a cociña solar. Unha verdadeira aplicación práctica das enerxías renovables.

A actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 6 anos acompañados/as). É de balde pero é preciso inscribirse, a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

Roteiro
O roteiro interpretativo deste mes celebrarase o sábado 17 de agosto ás 18:30 horas. Será un percorrido polo parque de Belvís, para coñecer a súa fauna e flora, a súa historia, os seus aproveitamentos e todo o que lle aporta á nosa cidade.
A actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 10 anos). É de balde, pero é preciso inscribirse a través das mesmas canles que no caso da actividade anterior.

CIAC
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvis, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

O CIAC está aberto para público xeral os mércores, xoves e venres de 11:00 a 14:00 horas. Os sábados abre de 11:00 a14:00 e de 18:00 a 20:00 horas. Pola semana realízanse visitas guiadas a grupos de máis de 10 persoas, previa reserva (chamando ao 981 543 145).

Compartir: