FESTAS

O concerto de Dorian e a Jam Martiño Pinario, os pratos fortes deste mércores das festas do Apóstolo

25/07/2017 O mércores 26 de xullo celebramos en Compostela o tradicional día de Padrón en Santiago, que marca o inicio das actividades deste novo día de festas. Así, a praza do Obradoiro acolle a partir das 13:00 horas o concerto das bandas municipais de música de Padrón e de Santiago de Compostela.

Dende as 18:00 e ata as 22:30 horas, celebrarase o ciclo Jam Martiño Pinario na praza que leva o mesmo nome. Trátase dun programa que inclúe charlas, actividades para nenos e nenas, e tamén música en directo con artistas de Santiago. Desta vez participarán The Fabulous Resaca Brothers e Balkin´Blues Band. Haberá tamén unha jam session, na que poden participar os grupos que o desexen.

Ademais, destacan tamén as actividades de Compostela Decide, como os obradoiros de beatbox e break no paseo central da Alameda ou o cinema ao aire libre no parque de Belvís, onde se proxectará Boyhood, de Richard Linklater, ás 22:00 horas.

Tamén haberá oco para a música tradicional de O Fondo do Peto, que actuarán ás 18:00 horas na Vía Sacra, e para os Monicreques en Ruta con Valle-Inclán por Santiago. O roteiro dará comezo ás 18:30 horas na escultura do escritor na Alameda.

Tampouco hai que esquecer as novas repeticións do espectáculo audiovisual e nocturno dos Fogos do Apóstolo, en sesións ás 22:30 e ás 23:30 horas.

Dorian
Os protagonistas musicais da xornada son Dorian, unha banda procedente de Barcelona que leva en activo dende o ano 2004. O seu son vén marcado por unha mestura de new wave, electrónica e indie rock e está considerada unha das bandas con maior proxección nacional e internacional. A discografía de Dorian está formada por 6 discos e 4 álbums de estudio.

O grupo foi fundado por Marc Dorian, principal compositor e letrista do grupo; Belly Hernández (piano, sintetizadores, arranxos e voces) e Bart Sanz ao baixo. Completan a formación Lisandro Montes (sintetizadores, guitarras, arranxos e voces) e Víctor López (batería e percusións).

Cancións do seu repertorio como "Cualquier otra parte", "Paraísos artificiales" ou "La tormenta de arena" tiveron un gran calado popular nos últimos anos e acumulan máis de 50 millóns de reproducións en YouTube. A banda catalá ofreceralle aos composteláns e compostelás o mellor do seu último disco, Diez años y un día, no que, ademais de incluír temas novos, reversionan dous dos seus éxitos máis coñecidos.

Dorian estarán na praza da Quintana, nun concerto no que estarán acompañados polo grupo Cala Vento. A velada comeza ás 22:30 horas.

A xornada musical complétase na praza do Toural con outra entrega do ciclo Compostela é! Música, desta vez coa actuación de Falúa a partir das 23:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: