FESTAS

Os Fogos do Apóstolo e o concerto de The Gift darán a benvida ao día grande das festas do Apóstolo

23/07/2017 Este luns é o día dos tradicionais Fogos do Apóstolo, nunha xornada que combina tradición e modernidade para darlle a benvida á xornada grande destas festas.

Ás 12:00 na praza da Quintana e ás 12:30 horas na do Toural poderemos ver o Encontro de Xigantes e Cabezudos, que como cada ano fará as delicias de veciñanza e turistas. Iso si, a verdadeira festa chega de noite coa música na Alameda, na Quintana e no Toural e co espectáculo nocturno dos Fogos do Apóstolo que se desenvolverá na praza do Obradoiro.

Os tradicionais fogos terán lugar, como cada ano, a partir das 23:30 horas, cun espectáculo a cargo de Acciona que combinará carga pirotécnica e creación audiovisual. Xusto despois teremos moita música na Alameda, a cargo da orquestra Suavecito, e na praza do Toural, onde Dayna Kurtz & Rober Machi presentan o seu disco Rise & Fall.

Recomendacións para acudir aos Fogos do Apóstolo
Para todos aqueles que queiran acudir a presenciar os Fogos do Apóstolo, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia fai unha serie de recomendacións:

• Acudir con suficiente antelación ao lugar dende onde ser queren ver os Fogos.
• Facer caso das instrucións que da o persoal de seguridade e da organización, respectando sempre as barreiras de seguridade.
• Non acudir con bebés e con carriños de nenos. Para os bebés son moi molestos os estoupidos, e os carriños son un impedimento para facer ben unha evacuación.
• Se acode con nenos pequenos, facelo con tempo suficiente para colocalos nun sitio con visibilidade, xunto ás barreiras de seguridade, onde terán maior seguridade e comodidade.
• No caso de sentirse mal, (mareos, lipotimias...) avisar os membros de Cruz Vermella, 061, Protección Civil ou Policía Local, que están situados ao longo do recinto de seguridade.
• Durante o lanzamento dos fogos, cabe a posibilidade de que caia algunha cinza, sobre todo se estamos situados a favor de vento. Se isto acontece, non fregar os ollos, é preferible lavalos con auga ou avisar os membros de Cruz Vermella, 061, Protección Civil ou Policía Local.
• Aínda que é raro que pase, se cae un artificio pirotécnico no chan, non recollelo ou darlle patadas, avisar a Protección Civil, Policía Local ou a propia organización. Nunca se deben manipular.
• Deixar ás mascotas na casa, xa que as explosións adoitan ser moi desagradables para elas, sobre todo os cans. Correse tamén o perigo de que se asusten, escapen e todos empezan a querer coller o animal...
• Non acudir con chanclas ou zapatos que non amarren ben o pé.

The Gift
Un dos pratos fortes destas festas podemos degustalo precisamente o día dos Fogos, coa actuación a partir das 22:00 horas, na praza da Quintana, dos grupos The Chevelles e The Gift. Esta última é unha banda portuguesa de rock alternativo formada en 1994. Inicialmente era un proxecto de Dead Souls, unha banda de Nuno Gonçalves e Miguel Ribeiro.

En setembro de 1994, Sónia Tavares, Nuno e John Gonçalves, Miguel Ribeiro e Ricardo Braga apuntáronse ao Bar Ben Music Competition, en Alcobaça, e acadaron o segundo posto, ante a sorpresa dos asistentes. En 2005 gañaron o premio MTV Europe Music Awards (EMAs) ao mellor artista portugués.

Direccións relacionadas



Compartir: