CONSORCIO

A canción "Himno do máxico amor a Compostela" estrearase no especial que emitirá a Televisión de Galicia o 25 de xullo

21/07/2017 O vindeiro martes 25 de xullo, Día de Galicia, estrearase o "Himno do máxico amor a Compostela" no programa "Especial 25 de xullo" da Televisión de Galicia, a partir das 22:00 horas, coas voces de Rosa Cedrón e Carolina Rubirosa.

A canción está integrada na iniciativa Santiago invisible, un proxecto fotográfico, literario e musical centrado na cidade de Santiago, impulsado polo xinecólogo Chema Ríos Torre e cuxos beneficios se destinarán ao Fondo de Emerxencias de Médicos Sen Fronteiras (MSF). A publicación, editada polo Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia, esgotouse ás tres semanas de poñerse á venda. Inclúe un CD, gravado no Auditorio de Galicia coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, dirixida polo seu mestre titular, Paul Daniel.

O CD recolle, entre outros temas vencellados a Santiago, a canción "Himno do máxico amor a Compostela", composta (letra e música) para este proxecto por Juan Álvarez, médico, ex-profesor da Harvard Medical School durante 15 anos e moi afeccionado á música; coa axuda de Carolina Rubirosa, colaboradora tamén de MSF e que pon voz á canción, coñecida por ser a primeira que cantou temas de The Beatles en galego en The Cavern (o santuario Beatle de Liverpool). Carolina interpreta a versión inglesa deste himno, destinada a espallar Santiago polo resto do mundo, e para a que se está a facer tamén un videoclip para proxectala a través de internet. A versión galega do himno, con letra da poetisa Eva Veiga e Nicolás Vidal, faina Rosa Cedrón. A produción musical é do compositor e músico coruñés Nani García.

"A particularidade desta fermosa canción é que está interpretada simultaneamente en galego e inglés co fin de reflectir a multiculturalidade dos visitantes que chegan a Santiago", sinala o promotor desta iniciativa.

Documentos relacionados



Compartir: