FESTAS

A segunda fin de semana das festas do Apóstolo tráenos a Xornada de Folclore, o Certame Folk e o concerto Territorio das Mulleres

21/07/2017 As festas do Apóstolo achéganse ao ecuador cunha fin de semana na que destaca a aposta pola música tradicional e o folclore, combinada coas festas en movemento que ofrece o programa Artellando.

O sábado está protagonizado polo VI Certame Folk, que dará comeza ás dez da mañá e se estenderá ata máis alá das 23:00 horas na praza da Quintana. Este certame, patrocinado por La Voz de Galicia, estará formado por feiras de artesanía e deseño, obradoiros e actividades para crianzas e os concertos de Trio Refugallo e Peter Punk, Troula Animación, Ghaveta e Lagharteiras, Dominic Grahan School of Irish Dance e Milladoiro.

No parque de Belvís celebrarase o II Encontro das Culturas Xamaicana, Galega e Africana, un programa dos Orzamentos Participativos que comezará ás doce da mañá e se estenderá ata as 22:00 horas. Continúa tamén o programa Artellando con Xarope Tulú, no CSC de Aríns ás 19:00 horas, e Fantoches Baj, no xardín botánico de Fonseca ás 21:00 horas. Outro dos pratos fortes deste sábado será o concerto Territorio das Mulleres, que nos traerá á cantante brasileira Maria Gadú e ao grupo compostelán De Vacas. A cita é na praza 8 de Marzo a partir das 21:00 horas.

Ademais, a orquestra Marimba fará bailar aos presentes a partir das 22:30 horas na Alameda e o grupo Questioni Meridionali Folk actuará ás 23:00 horas na praza do Toural.

Xornada de Folclore
Persoas de toda Galicia achegaranse á praza da Quintana para ver os bailes tradicionais que amosarán os grupos de folclore Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Ultreia e Ponte Vella (Teo). Será a 49ª edición da Xornada de Folclore, un evento que se poderá gozar a partir das 21:30 horas.

Pero as actividades do domingo comezan xa de mañá. Chaián acolle a Festa do Escalo coa celebración da Romaría e do 43º Concurso de Ciprínidos. Ademais, en Praterías celebrarase o concerto da Banda de Música da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo, dirixida por Moncho López Couso. Ademais da sesión vermú da praza de Cervantes, continúa o programa Artellando co espectáculo de danza de Torre de Babel, que representará Cerebro, artes e acción no parque de Bonaval a partir das 21:00 horas.

Posteriormente, seguiremos artellando na noite co concerto que dará o grupo La Shica na praza do Toural.

Direccións relacionadas



Compartir: