PLENO

A Corporación esixe a Fomento, Adif e Renfe a mellora da seguridade ferroviaria en Angrois

20/07/2017 O Concello de Santiago acordou este xoves esixir ao Ministerio de Fomento, Adif e Renfe a mellora da seguridade no último tramo da liña do tren de alta velocidade á súa entrada en Compostela. En concreto, a Corporación acordou reclamar que se active o sistema ERTMS, que segue sen estar operativo catro anos despois do accidente de Angrois.

O Pleno da Corporación aprobou a proposición presentada nese sentido polo BNG, que contou cos votos a favor de Compostela Aberta e o PSOE, e coa abstención do grupo municipal do PP. O texto lembra que existen numerosos informes que acreditan que a traxedia ferroviaria do 24 de xullo de 2013, na que morreron 81 persoas, podería terse evitado de existir nese tramo o sistema ERTMS. Tamén apunta a que a propia Comisión Europea pediu que se reabran as investigacións sobre o acontecido.

Intervención das vítimas
Ademais de esixir a instalación do sistema ERTMS, a moción aprobada hoxe sinala que o Concello de Santiago apoiará a manifestación convocada pola Plataforma de Vítimas do Tren Alvia para o próximio 24 de xullo, que partirá ás 11:00 horas dende a estación do tren para chegar á praza do Obradoiro.

Na sesión plenaria interveu Arturo Domínguez, no nome da Plataforma de Vítimas do Alvia, que pediu "que o Concello de Santiago se poña do lado das vítimas, esixa a activación do sistema ERTMS e reclame a creación dunha comisión de investigación sobre o acontecido". Nese sentido sinalou que "aínda que haxa un xuízo en marcha, primeiro é preciso dirimir responsabilidades dende outros ámbitos". Arturo Domínguez incidiu en que as vítimas "esixen verdade, xustiza e reparación, por esa estrita orde".

Melloras da accesibilidade
No Pleno de hoxe tamén recibiu luz verde, por unanimidade, unha proposición do PSOE que pedía que o Goberno municipal estude o traballo realizado pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple en materia de accesibilidade, e aprobe un plan de obras para executar as actuacións máis prioritarias. Dalgunhas delas falou na sesión plenaria un dos membros de ACEM, Julio Louro, que se referiu a algunhas deficiencias en puntos da cidade como a rúa dos Concheiros, Rodrigo de Padrón, Santa Clara ou a rúa do Hórreo. Segundo explicou, "segue habendo zonas de Compostela nas que hai dificultades para moverse en cadeira de rodas, e sobre todo para acceder aos vehículos das persoas con mobilidade reducida".

Na súa intervención, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade reiterou o compromiso do Goberno coa eliminación das barreiras arquitectónicas. Jorge Duarte lembrou que na estratexia EDUSI pola que o Concello recibirá dez millóns de euros de fondos europeos "incluíronse medidas nesa liña, incluída a elaboración dun Plan de Accesibilidade".

Outros acordos
Nesta sesión ordinaria de xullo tamén se aprobaron dous expedientes de modificación de crédito. Un deles está dirixido á adquisición de aplicacións informáticas para o departamento de Servizos Sociais e á compra de dous vehículos eléctricos que o Concello tiña cedidos. O outro está relacionado cos proxectos do Plan Único da Deputación da Coruña.

Por último, a Corporación acordou hoxe ampliar os usos nunha parcela de Fontiñas, para que poida ser destinada á construción dunha residencia de maiores por parte da Xunta de Galicia.

Compartir: