CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os nenos e nenas do programa de conciliación dos centros socioculturais visitaron o Concello

20/07/2017 Continúan as actividades do programa Vive o verán, que busca a conciliación laboral e familiar durante o mes de xullo. Durante esta xornada, os nenos e nenas participantes desprazáronse ata o Pazo de Raxoi para coñecer a súa historia e as súas dependencias.

Os nenos e nenas fixeron unha peregrinación simbólica pola Vía da Prata e chegaron en grupo á praza do Obradoiro, onde os esperaba a concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, acompañada polo edil de Medio Rural, Rafael Peña. Tras alimentarse e coller forzas, os rapaces e rapazas continuaron a súa visita polo Pazo de Raxoi, onde Concha Fernandez lles explicou a historia da Casa do Concello e dos seus salóns. Logo continuaron coas actividades lúdicas no Obradoiro.

No programa Vive o verán participan nenos e nenas de entre 4 e 14 anos. Desenvólvese tanto en centros e locais socioculturais do ámbito urbano como do rural. Na cidade hai actividades nos CSC das Fontiñas, Aurelio Aguirre de Conxo, Santa Marta, José Saramago de Vite e O Ensanche. No rural, o programa estival chega este ano a cinco parroquias: Nemenzo, A Gracia, Figueiras, Villestro e Marrozos.

Ao longo deste mes de xullo, os nenos e nenas participan en actividades que inclúen saídas para descubrir os valores naturais da cidade, xogos ao aire libre, talleres de reciclaxe, manualidades ou un programa para descubrir os gremios e oficios vinculados a Compostela e máis en concreto a Conxo. No caso dos centros do rural, as actividades agrúpanse baixo o lema "Coñece a túa contorna: coidamos o planeta", facendo xogos interiores e ao aire libre e saídas para que os nenos e nenas participantes coñezan mellor as parroquias.

Compartir: