ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O alcalde recibe os nenos e nenas saharauís do programa Vacacións en Paz

18/07/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu esta mañá no Salón Vermello do Concello a catro nenos e unha nena saharauís que están a participar, xunto a outros cinco, no programa Vacacións en Paz, que un ano máis organiza o Departamento de Educación e Cidadanía.

Un ano máis, familias compostelás proporcionaranlle unhas mellores vacacións a dez nenos e nenas entre 7 e 12 anos procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís. Estarán en Santiago de Compostela nos meses de xullo, agosto e primeiros de setembro. O Concello faise cargo das pasaxes dos rapaces e rapazas e do seu regreso. Na súa estancia en Santiago, serán sometidos a revisións médicas e participarán en actividades organizadas pola Concellaría de Educación e Cidadanía.

Durante estes algo máis de dous meses, os nenos/as estarán con familias compostelás acolledoras, que se fan cargo dos gastos de alimentación, vestido e calquera outro derivado da súa estadía. O alcalde recibiunos no Concello acompañado de varios concelleiros da Corporación, deulles a benvida a Compostela e desexou que "ogallá non tiveramos que manter este programa durante máis anos, porque iso significaría que chegou a paz a ese territorio". Ademais, o rexedor agradeceu o compromiso das familias de Compostela que durante máis de dous meses abren as portas da súa casa a estes nenos e nenas.

Unhas mellores vacacións
O programa Vacacións en Paz trata de ofrecer a estes rapaces e rapazas, nados no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa, non só á súa formación, senón tamén a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos, e a promover valores de solidariedade grazas á cooperación das familias compostelás.

Este tipo de visitas son moi importantes para que eles desenvolvan unha concepción do mundo máis ampla e sólida, e para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal e sen prescindir da rica tradición do seu pobo. Ao mesmo tempo, preténdese favorecer a relación de familias de Santiago con rapaces e rapazas doutras culturas.

Compartir: