ALCALDÍA

Santiago e outros dez concellos rexeitan as emendas presentadas por PDeCAT e C's ao proxecto de Lei de Contratación Pública

18/07/2017 O Concello de Santiago, xunto cos de Barcelona, Madrid, A Coruña, Ferrol, Zaragoza, Cádiz, Valencia e Terrassa, denunciou hoxe o atentado contra a autonomía local que supoñen varias emendas presentadas polo Partit Demòcrata Europeu Català (PDeCAT) e Ciudadanos (C's) ao proxecto de Lei de Contratación Pública. En concreto, esas emendas poñen impedimentos aos procesos de municipalización que se están levando a cabo en diferentes municipios.

As emendas presentadas polo PDeCAT e Ciudadanos propoñen a modificación de varias leis, como a Lei de Bases do Réxime Local e o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime Local, aprobado por Real Decreto Lexislativo 781/1986 do 18 de abril.

O obxectivo é que nos procesos de remunicipalización sexa preceptivo un informe do órgano competente en materia da defensa da competencia, e que sería de obrigatorio cumprimento en caso de monopolio do servizo. Tamén se pretende imposibilitar as municipalizacións se existen limitacións ou restricións de tipo orzamentario en relación ao incremento do número de empregados públicos ou da masa salarial; facer que sexa necesario modificar a relación de postos de traballo da empresa/administración que subroga, que os lugares que se creasen fosen de carácter indefinido e que a súa cobertura se convocase con carácter previo á finalización dos contratos. Por último, as emendas propoñen que o Ministerio de Facenda ou as Comunidades Autónomas visen as remunicipalizacións, e que a norma teña carácter retroactivo.

Máis burocracia
Estas emendas (que se poden consultar no link https://goo.gl/UiT5Kz), buscan engadir burocracia aos procesos de municipalización e, ao mesmo tempo, provocar que queden en mans dos organismos competentes en materia da defensa da competencia, especialmente nos casos de monopolio do servizo. Quedarán tamén supeditados ao visado doutras administracións, e a incorporación dos traballadores e traballadoras subrogados farase tendo un impacto na taxa de reposición e, polo tanto, consumindo oferta pública, xa de seu limitada polas sucesivas Leis Xerais de Orzamentos do Estado.

As emendas que presentan estes dous partidos políticos buscan paralizar os procesos de municipalización, xa que as Leis de Orzamentos contemplan sempre limitacións no incremento dos persoais e na masa salarial. Tamén pretenden obrigar a convocar como indefinidas prazas de cobertura temporal. Este redactado establece o carácter retroactivo das medidas, isto significa que se obrigaría a refacer (e previsiblemente anular) procesos de municipalización xa finalizados.

En definitiva, estas emendas pretenden baleirar de contido a autonomía local, quedando os municipios como delegacións administrativas sen capacidade de decisión en mans do estado central ou, como moito, da comunidade autonómica. Tamén subordinan os dereitos das traballadoras e traballadores, a aplicación da lexislación laboral e o respecto aos dereitos da cidadanía a acceder a servizos públicos de calidade.

Por este motivo, os concellos de Santiago, Barcelona, Madrid, A Coruña, Ferrol Zaragoza, Cádiz, Valencia e Terrassa piden que estas emendas sexan retiradas para manter a autonomía municipal.

Compartir: