DEPORTE

A delegación compostelá nos Xogos do Eixo Atlántico acada dous ouros, un subcampionato e un bronce

12/07/2017 A semana pasada, as localidades de Sarria, Lugo e Monforte de Lemos acolleron a XII edición dos Xogos do Eixo Atlántico que, con carácter bienal, reúnen nunha cidade integrante desta asociación transfronteiriza a case 2.000 rapaces e rapazas que conviven a través da práctica do deporte. A delegación compostelá que participou nestes Xogos será recibida hoxe en Raxoi ás 18:00 horas.

O formato de congregar nunha mesma cidade a todos os/as deportistas adoptouse na segunda das edicións, concretamente na celebrada na cidade de Ferrol no ano 1997. Posteriormente seguíronlle as cidades de Chaves (1999), Ourense (2001), Bragança (2003), Santiago de Compostela (2005), Vila Nova de Gaia (2007), A Coruña (2009), Matosinhos (2011), Guimaraes (2013) e Frente Atlántica Matosinhos-Porto-Gaia (2015). Na V edición, celebrada en Bragança, incorporouse por primeira vez a discapacitados intelectuais, experiencia que supuxo unha importante chamada de atención sobre a obriga moral de integrar as persoas con algunha minusvalía.

A delegación de Santiago de Compostela presentouse nos Xogos con 56 participantes repartidos nas disciplinas deportivas de natación, atletismo adaptado, fútbol 7 e baloncesto. Xunto a eles viaxou un delegado municipal, Amancio Pena. O obxectivo como cidade en todas as edicións céntrase en demostrar o excelente nivel humano e de comportamento que teñen os rapaces e rapazas que asumen a responsabilidade de representar ao noso Concello. No estritamente deportivo, o esforzo e a ilusión dos seleccionados son elementos que nos garanten un gran papel na competición e que tamén é recoñecido, tanto pola organización como polo resto de participantes.

Vitorias en baloncesto e fútbol 7
A delegación compostelá fixo un moi bo papel nesta edición dos Xogos do Eixo, logrando dous ouros en baloncesto e fútbol 7 masculino e un subcampionato en baloncesto feminino. A maiores cómpre salientar o conseguido noutras disciplinas deportivas como en natación, onde Micaela Orechia rebaixou en 17 segundos a súa marca persoal, ou en atletismo adaptado, co bronce de Ramona Seijo en 1.000 metros e o cuarto posto de Jesús Souto en 400 metros.

Eixo Atlántico
O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular constitúe unha asociación transfronteiriza integrada por 38 cidades, que configura o sistema urbano da Eurorexión Norte de Portugal – Galicia.

O Eixo Atlántico determina un espazo rexional interestatal cunha filosofía que segue as orientacións da Unión Europea, fundamentalmente no que se refire á desaparición das fronteiras que afectan ou dificultan a libre circulación de persoas, capitais, mercadorías e servizos, prestando unha especial atención ao desenvolvemento e consolidación de disciplinas deportivas. O evento máis antigo e carismático é sen lugar a dúbidas os Xogos do Eixo Atlántico.

Compartir: