ALCALDÍA

Martiño Noriega reivindica o papel de Santiago como "capital da lingua"

10/07/2017 O alcalde reivindicou hoxe o papel de Santiago como "capital da lingua, que ten a responsabilidade de abrir camiño e mostrar o potencial do noso idioma". Foi durante a inauguración da xornada "A lingua como oportunidade", organizada polo Concello en colaboración coa UCCLA, a Unión de Cidades Capitais da Lingua Portuguesa.

Martiño Noriega lembrou que Compostela forma parte desta entidade como membro observador, porque así foi aprobado por unanimidade polo Pleno da Corporación, e volveu agradecer o consenso acadado neste eido. Tamén reiterou o compromiso do Goberno local coa defensa da nosa lingua e, nesa liña, lembrou que "temos dotado de maiores recursos económicos o Departamento de Lingua, temos iniciado unha ambiciosa programación infantil en galego vinculada ao programa Apego, e estamos a ofrecer numerosos recursos e servizos no noso idioma aos centros de ensino".

O alcalde incidiu na responsabilidade que ten Santiago para mostrar o potencial da nosa lingua "e tamén as oportunidades económicas que os países lusófonos brindan a Galicia, conseguindo que a Lusofonía sexa un espazo natural para as e os galegos, un espazo que nos singulariza e nos sitúa no mundo".

Oportunidade cultural e económica
Na inauguración da xornada "A lingua como oportunidade" tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta. Valentín García incidiu en que "o portugués é unha oportunidade non só cultural senón tamén económica", e por iso salientou que "a Xunta pensa que Santiago está a dar exemplo neste camiño de aproveitar a oportunidade que a lingua nos ofrece".

Pola súa banda, o embaixador de Brasil para a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa aproveitou a súa intervención na inauguración da xornada para lembrar que "os pobos galegos e os brasileiros están moi próximos cultural e lingüísticamente, quizais o primeiro brasileiro fora galego". Gonçalo Mello Mourão recoñeceu nesta xornada se considera un peregrino da lingua, porque "cheguei ao lugar que é fonte da lingua que eu falo".

Na inauguración da xornada organizada polo Concello de Santiago e a UCCLA tamén participaron o presidente da Câmara Municipal de Braga, Ricardo Bruno Antunes Machado Río; o secretario da Academia Galega de Lingua Portuguesa, Joám Evans Pim, e o secretario xeral da UCCLA, Vítor Ramalho.

Dúas mesas redondas
A primeira mesa de traballo estivo centrada nas oportunidades que supón un Camiño Portugués a Santiago, e nela participaron, entre outras, a xerente de Incolsa, Flavia Ramil; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ou a directora da programación turística de Turismo de Portugal, Lídia Monteiro. Flavia Ramil falou da conxestión turística de Compostela e sinalou que "unha das medidas para reducir esta conxestión é apostar pola diversificación nos Camiños de Santiago. E aquí é onde o Camiño Portugués é unha oportunidade económica para todas as vilas e rexións polos que pasa, tanto portuguesas como galegas".

A vertente económica foi precisamente o eixo da segunda sesión, que versou sobre as oportunidades económicas do espazo luso-afro-américo-asiático, coa participación da concelleira compostelá de Economía e Facenda, María Rozas. A concelleira repasou algúns datos económicos como que o "Galiza e Portugal representan só o 20% da población peninsular pero o tráfico de vehículos lixeiros representa o 55% e se falamos de vehículos pesados o 35%". Aínda así Rozas destacou que "non se trata só de números. Cada día os economistas insisten máis en que a economía se constitue tamén a través das emocións, dos sentimentos e paixóns, non só da razón. As condicións humanas expresanse e conducense nun idioma determinado".

A UCCLA, a Unión das Cidades Capitais da Lingua Portuguesa, é unha asociación intermunicipal internacional sen fins lucrativos. O Pleno da Corporación de Santiago aprobou a adhesión á UCCLA o 20 de novembro de 2016. No pasado mes de abril, a Asemblea Xeral da UCCLA admitiu a adhesión de Compostela como membro observador.

Compartir: