POLÍTICAS SOCIAIS

Convocadas por primeira vez axudas de cooperación ao desenvolvemento

07/07/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou este venres a primeira convocatoria de axudas de cooperación ao desenvolvemento, que teñen como obxectivo realizar proxectos concretos en países empobrecidos. Na rolda tamén estivo o presidente da Coordinadora Galega de ONG, Alejandro Quiñoá.

O Concello destina a esta convocatoria 90.000 euros, que servirán para subvencionar proxectos concretos de ONG ata un máximo do 95%. A contía máxima por cada un deses proxectos será de 15.000 euros.

Poderán solicitar axudas para a realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento que non só estean legalmente constituídas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, senón que tamén reúnan certos requisitos. Por exemplo, acreditar unha experiencia mínima de dous anos no ámbito territorial de actuación e catro realizando proxectos, carecer do ánimo de lucro, ter entre os seus fins a cooperación ao desenvolvemento ou presentar un proxecto economicamente viable, entre outras.

As solicitudes poden presentarse ata o 27 de xullo en horario de 9:00 a 13:00 horas no Rexistro Xeral do Concello. As entidades deberán estar ao corrente nas súas obrigas tributarias para poder concorrer.

A concelleira de Políticas Sociais amosouse "moi satisfeita" por ter sacado esta convocatoria, que permitirá dar un paso adiante na cooperación ao desenvolvemento. Trátase de "seguir dándolle sentido a esa idea clave de facer do noso Concello un municipio máis solidario e social". Concha Fernández destacou tamén a importancia de traballar "dende o local para mudar o global"

Balance Compostela + Solidaria
Alejandro Quiñoá fixo un balance do que supuxo a segunda edición de Compostela + Solidaria, un proxecto da Concellaría de Políticas Sociais en colaboración coa Coordinadora Galega de ONG. Como indicou Quiñoá, o obxectivo deste programa pasaba por "ofrecer o discurso dos dereitos sen fronteiras e traballar coa poboación para cambiar as cousas nun momento histórico no que existen 63,5 millóns de persoas que teñen que abandonar os seus países, no movemento migratorio máis grande despois da Segunda Guerra Mundial".

Dende a Coordinadora Galega de ONG fixeron un balance moi positivo desta edición de Compostela + Solidaria, pola que pasaron arredor de 16.000 persoas que participaron nas 36 actividades programadas dende o 29 de maio e ata o 16 de xuño. O proxecto finalizou cunha Feira Solidaria pola que se achegaron arredor de 350 persoas. Unha das cuestións máis destacadas deste ano foi a apertura doutros espazos, como 13 centros socioculturais, a Fundación Granell, o Pazo de Fonseca ou a Biblioteca Ánxel Casal.

Compartir: