LINGUA

O Concello e a UCCLA organizan a xornada "A lingua como oportunidade"

06/07/2017 Santiago acolle a xornada A lingua como oportunidade, organizada de maneira conxunta polo Concello e a UCCLA, a Unión de Cidades Capitais da Lingua Portuguesa, da que forma parte Compostela como membro observador. O foro celebrarse o luns 10 de xullo no edificio Cersia e será inaugurado polo alcalde, Martiño Noriega.

A xornada A lingua como oportunidade pretende analizar a importancia da lingua e as vantaxes da proximidade entre o portugués e o galego en sectores como a economía e o turismo. Na inauguración, ademais do alcalde compostelán, participarán o embaixador de Brasil para a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, Gonçalo Mello Mourão; o presidente da Câmara Municipal de Braga, Ricardo Bruno Antunes Machado Río; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario da Academia Galega de Lingua Portuguesa, Joám Evans Pim, e o secretario xeral da UCCLA, Vítor Ramalho.

A primeira mesa de traballo estará centrada nas oportunidades que supón un Camiño Portugués a Santiago, e nela participarán, entre outras, a xerente de Incolsa, Flavia Ramil; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ou a directora da programación turística de Turismo de Portugal, Lídia Monteiro. De seguido, celebrarase unha sesión sobre as oportunidades económicas do espazo luso-afro-américo-asiático.

A UCCLA, a Unión das Cidades Capitais da Lingua Portuguesa, é unha asociación intermunicipal internacional sen fins lucrativos. O Pleno da Corporación de Santiago aprobou a adhesión á UCCLA o 20 de novembro de 2016. No pasado mes de abril, a Asemblea Xeral da UCCLA admitiu a adhesión de Compostela como membro observador.

Documentos relacionados



Compartir: