ALCALDÍA

Os Encontros AO VIVO chegan hoxe á cidade histórica

27/06/2017 Hoxe martes celebrarase un novo encontro AO VIVO, convocado polo goberno local para render contas diante da cidadanía e para recoller as súas queixas e suxestións. Á xuntanza están convocados os veciños e veciñas da área da cidade histórica, que inclúe a Zona Vella-Intramuros, Castrón Douro, San Lourenzo e Galeras. A cita será ás 20.00 no Mercado de Abastos.

No encontro AO VIVO participarán o alcalde e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno, que responderán ás demandas que queira formular a veciñanza da área, na que viven unhas 6.000 persoas. Como ven sendo habitual, para garantir que todos os asistentes teñan a oportunidade de falar, a xuntanza estará dirixida por profesionais da mediación. Tamén haberá un servizo de conciliación para facilitar a asistencia de toda a veciñanza.

Nove Encontros AO VIVO ao longo do ano
Os Encontros AO VIVO forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove Encontros AO VIVO, seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agrúpanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto do municipio.

Compartir: