DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O grupo ICEDE da USC asesora ao persoal municipal sobre estratexias de Economía Circular

22/06/2017 O catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Vence, coordinador do grupo de investigación ICEDE, foi hoxe o encargado de impartir o seminario "Estratexia Urbana e Economía Circular" dirixido ao persoal técnico do Concello de Santiago vinculado á implementación da EDUSI. O foro estivo impulsado pola concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo que dirixe Marta Lois.

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado de Santiago para o período 2015-2025 contempla accións que teñen como obxectivo fomentar a innovación e a sustentabilidade económica, social e ambiental de Compostela. Nesa liña, desde a concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo estase a apostar pola Economía Circular "como un sistema industrial restaurador, que optimiza materiais, produtos e sistemas, e que pode ter enormes beneficios ambientais e sociais fronte á crise do emprego nos países europeos". Por iso, a Economía Circular foi tamén o asunto que centrou a Feira de Innovación para o Emprego, FIE, que se celebrou no pasado mes de maio.

O seminario celebrado hoxe, que abriu o alcalde, Martiño Noriega, estaba dirixido ao persoal técnico municipal de diferentes departamentos, con responsabilidades na execución de programas con financiamento europeo. Con el iníciase un programa de actividades centrado no estudo e análise dos retos que suporán o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable no horizonte do ano 2030". A sesión foi impartida polo ICEDE, o Grupo de Investigación de Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento da Universidade de Santiago, que deu conta de experiencias innovadoras na transición das cidades á Economía Circular e dos aspectos xurídicos relevantes na súa implantación.

Compartir: