TURISMO

O Festival de San Xoán encherá de actividades a Praza de Mazarelos

22/06/2017 O evento, organizado por Turismo de Santiago para promocionar a tradición das Festas de San Xoán na cidade, celebrarase do 22 ao 24 de xuño.

A segunda edición do Festival de San Xoán comeza este xoves 22 ás cinco da tarde na praza de Mazarelos, que será o punto central do evento. Na praza instalarase un mercado tradicional, unha área gastronómica para desfrutar dos produtos típicos desta festa, un espazo palleiro para os máis cativos, celebraranse actividades e obradoiros interxeracionais para a posta en valor dos ritos e tradicións de San Xoán e tamén haberá concertos e clases de baile tradicional.

Ademais, na tarde e na noite do 23, o tren cacharelo circulará de balde para fomentar a mobilidade, tanto da veciñanza de Santiago como de turistas e visitantes, que así poderán transitar a diferentes cacharelas da cidade. O tren sairá ás horas en punto dende o CGAC con paradas en Avda. de Castelao, Avda. do Burgo das Nacións, Carballeira de San Lourenzo e Avda. de Xoán Carlos I.

Neste ano farase tamén un acto, en colaboración do Concello de Boqueixón e a Asociación do "Castro da Fervenza de Callobre", do Concello de A Estrada, para recuperar o sentido da celebración pagá do solsticio de verán coa obtención do lume por medios naturais no Pico Sacro. O facho co lume sagrado do Pico Sacro, que se acendeu o pasado domingo, chegará a Santiago na noite do 22 e estará na Praza de Mazarelos o día 23 á disposición daqueles que queiran prender con el as súas fogueiras de San Xoán.

O evento rematará na noite do sábado 24 cun Obradoiro de elaboración de Queimada, un concerto de música tradicional e finalmente un conxuro con degustación de Queimada.

O obxectivo deste programa é aproveitar a gran tradición que teñen as Festas de San Xoán na cidade, con multitude de cacharelas por todo o termo municipal e unha implicación veciñal moi importante, e así potenciar o seu atractivo turístico, tanto para o mercado doméstico coma internacional.

Direcciones relacionadas



Compartir: