MEDIO AMBIENTE

O proxecto "Descarboniza! Que non é pouco…" chega á fin e prepara a súa continuidade

16/06/2017 Nos próximos días vai chegar á súa fin o proxecto Descarboniza! Que non é pouco…, que se desenvolveu durante o primeiro semestre do ano nunha primeira etapa de proba. As últimas actividades serán un roteiro por Fontiñas, que ten o obxectivo de repensar o barrio dende a sustentabilidade, e que se desenvolverá mañá sábado no marco do The Bloque en Bloque Festival; e un obradoiro de cociña vegana en Lavacolla, o próximo luns.

O proxecto "Descarboniza! Que non é pouco…" desenvolveu nos últimos meses diversas actividades nos Centros Socioculturais de Fontiñas e Lavacolla para abordar as causas e as consecuencias do cambio climático, así como das accións que se poden poñer en marcha para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Iniciativa piloto que terá continuidade O proxecto Descarboniza! Que non é pouco... enmárcase nunha aposta do Concello de Santiago pola redución das emisións e é o froito dun convenio de colaboración entre o Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental) da Universidade de Santiago e a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia. A satisfactoria resposta dos grupos participantes traduciuse na continuidade do proxecto para o curso 17-18, con novas actividades dirixidas a diferentes públicos.

Compartir: